Revolut inicia operacións como operador móbil en Europa: do neobanco ao “neooperador” dixital

Revolut hai xa tempo que deixou de ser un simple banco dixital. Tras revolucionar o sector financeiro en Europa, a fintech británica inicia oficialmente as súas operacións como operador móbil virtual (OMV), dando un paso máis na súa estratexia para converterse nunha plataforma dixital multiservizo.

O desembarco prodúcese tras meses de expectativas e probas, e marca o comezo dunha nova etapa na que banca e telecomunicacións conviven nunha mesma aplicación, algo que podería cambiar a forma na que contratamos servizos móbiles nos vindeiros anos.

Revolut Mobile: así arrinca o novo operador móbil

Revolut anunciou en maio de 2025 a súa intención de lanzar un servizo de telefonía móbil propio. Agora, sete meses despois, a compañía comeza oficialmente a prestar servizo en dous países, Reino Unido e Polonia.

As primeiras usuarias que poden desfrutar do servizo, e que previamente tiveron que anotarse nunha lista de espera, xa poden activar a súa tarifa móbil en cuestión de segundos directamente desde a app de Revolut, sen chamadas, sen tendas físicas e sen trámites complexos.

A activación realízase mediante eSIM, permitindo tanto conservar o número actual (portabilidade), como escoller un número novo. E todo sen permanencia nin contratos tradicionais. Iso si, será necesario contar cun dispositivo compatíbel con esta modalidade de SIM virtual.

Durante 2026, Revolut confirmou que ampliará o servizo ao resto da súa clientela nestes mercados e promete chegar “moi pronto” a máis países europeos.

Un OMV con ADN fintech

Para este salto tecnolóxico Revolut aliouse con 1Global, operador británico anteriormente coñecido como Truphone, que fornece a infraestrutura de rede. O resultado é un OMV totalmente dixital, pensado para usuarias nativas dixitais que priorizan cuesitóns como a xestión desde o móbil, tarifas con prezos simples e claros e a integración de servizos.

Polo tanto, este movemento encaixa perfectamente coa filosofía de Revolut, que xa ofrece nun mesmo entorno contas bancarias, tarxetas, pagos internacionais, criptomoedas, seguros e subscricións a servizos e aplicacións.

Unha única tarifa, sen letra pequena

A proposta inicial de Revolut Mobile é simple e moi competitiva, ofrecendo un único plan con minutos, SMS e datos ilimitados por uns 15 euros ao cambio.

O roaming incluído pode ser de 40 GB ao mes en Europa ou de 20 GB para Europa e Estados Unidos. E, por suposto, non hai permanencia.

Un posicionamento moi próximo ao de operadores low-cost como Digi, pero cunha diferenza clave: todo está integrado na mesma app bancaria.

Unha nova tendencia: neobancos que se converten en operadores

Revolut non está soa neste camiño. Outros neobancos, como N26, xa deron o salto á telefonía móbil en mercados como Alemaña. A razón é evidente: estas compañías parten con vantaxe tecnolóxica, cunha base de usuarias enorme e plataformas deseñadas para sumar servizos sen fricción.

Do mesmo xeito que os operadores tradicionais están a introducir servizos financeiros, os neobancos están a facer o camiño inverso, incorporando conectividade móbil ao seu ecosistema.

O obxectivo é claro: converterse nunha solución dixital integral, onde as usuarias poidan xestionar a súa vida financeira, dixital e agora tamén móbil desde un único lugar.

Sobre o autor

Reply