HMD Global segue a reforzar o seu catálogo de smartphones accesíbeis, e todo apunta a que xa ten listo o seu próximo lanzamento de entrada. Unha nova filtración vén de revelar todas as especificacións do HMD Vibe 2, un dispositivo económico que aposta por unha gran pantalla, batería xenerosa e Android 15 de serie.
O trebello apareceu nunha publicación do filtrador HMD_MEME’S en X, deixando claro que estamos ante un móbil sen pretensións, pero ben equilibrado, pensado para quen busca o esencial a prezo contido.
Pantalla grande e rendemento modesto
Segundo a filtración, o HMD Vibe 2 contará cunha pantalla de grandes dimensións, un panel IPS LCD de 6,75 polgadas, cunha resolución HD+ e unha taxa de refresco de 90 Hz. Este último punto é especialmente destacábel na gama de entrada, xa que ofrece unha experiencia máis fluída no desprazamento polo sistema, redes sociais ou navegación web fronte aos clásicos paneis de 60 Hz.
No interior, o HMD Vibe 2 estaría impulsado polo Unisoc T7200, un procesador 4G pensado para tarefas básicas. Acompañaríase de 4 GB de RAM, unha combinación que non busca destacar en potencia, pero que debería cumprir sen problemas en usos básicos. Non é, desde logo, un móbil para xogos esixentes, pero si unha opción práctica para usuarias pouco intensivos.
A filtración apunta a dúas opcións de almacenamento interno: 128 GB ou 256 GB, ademais de ranura para tarxetas microSD, unha característica que está a desaparecer. Isto convérteo nun dispositivo atractivo para quen precisa espazo para fotos, vídeos ou música sen depender da nube.
No apartado fotográfico, HMD mantería unha configuración básica, cunha cámara traseira principal de 50 MP, acompañado dun sensor secundario de 0,8 MP, probablemente dedicado á profundidade para o modo retrato, e unha cámara frontal de 2 MP ou 5 MP. Estes datos confirman que non estamos ante un móbil centrado na fotografía, pero o sensor principal de 50 MP debería ofrecer resultados decentes con boa iluminación, algo habitual xa mesmo na gama baixa.
Por último, en canto á autonomía, o HMD Vibe 2 montaría unha batería de 5.000 mAh, suficiente para chegar sen problemas ao final do día, mesmo con uso intenso. A carga, iso si, quedaría limitada a 10 W por cable, algo conservador pero habitual neste rango de prezos.
Como sistema operativo chegará con Android 15 viría instalado de serie, ofrecendo unha vantaxe clara en soporte e novidades fronte a outros móbiles baratos que aínda chegan con versións anteriores do sistema.
Un móbil económico para que non necesita moito
A falta de información oficial sobre prezo ou a data de lanzamento, a filtración deixa claro que o HMD Vibe 2 perfílase como unha opción práctica e sen adornos que está orientada a usuarias que buscan un smartphone barato, funcional e actualizado.
Un terminal que non promete máis do que pode dar, pero que encaixa perfectamente no que moitas usuarias realmente necesitan.
