A carreira pola autonomía nos smartphones dá un novo salto adiante. Realme está a piques de lanzar un teléfono cunha batería de 10.001 mAh, unha cifra que poucos modelos ofrecen de forma comercial e que confirma a aposta da marca chinesa por dispositivos pensados para as usuarias máis intensivas.
Aínda que a compañía non realizou un anuncio oficial, as filtracións xa deixan ver detalles clave dun modelo que promete marcar un antes e un despois no apartado da batería.
Do prototipo á realidade
Xa no mes de maio, Realme amosara un prototipo cunha batería de 10.000 mAh, asegurando daquela que un modelo con 7.500 mAh chegaría ao mercado ao longo do ano. Finalmente, a marca quedou nos 7.000 mAh, presentes en dispositivos como o Realme GT 8 Pro, o seu actual buque insignia.
Porén, todo apunta a que o salto definitivo está moi preto. Un medio ruso publicou unha imaxe dun novo smartphone Realme co número de modelo RMX5107, confirmando que a batería acada os 10.000 mAh, na liña de outros modelos presentados recentemente por Honor.

Segundo a información filtrada, o Realme RMX5107 incluirá -ademais da batería de 10.000 mAh- unha memoria RAM de 12 GB, 256 GB de capacidade interna e sistema operativo Realme UI 7.0, baseado en Android.
Cabe sinalar que aínda que polo momento só se coñeza esta configuración, non se descarta que Realme ofreza outras variantes de memoria para adaptarse a distintos perfís e necesidades das usuarias.
Varios días de autonomía
Unha batería desta capacidade abre a porta a varios días de uso sen pasar polo cargador, mesmo en escenarios esixentes: consumo de vídeo, xogos, navegación GPS ou uso intensivo de redes sociais. Este tipo de dispositivos resulta especialmente atractivo para usuarias que pasan moito tempo fóra da casa ou profesionais e n mobilidade.
Agora habería que saber como resolve Realme aspectos clave como o peso, o grosor do terminal ou a velocidade de carga, factores determinantes para que a experiencia sexa equilibrada entre unha autonomía extrema e deseño coidado.
