Motorola prepara un gran anuncio para o 6 de xaneiro: chega o novo Edge 70 Ultra?

Motorola quenta motores para comezar forte o 2026. A compañía vén de adiantar un anuncio oficial previsto para o vindeiro 6 de xaneiro, unha data que podería marcar a presentación dun dos seus smartphones máis ambiciosos ata a data.

A pista chega tanto desde a filial chinesa da marca como desde a súa conta internacional, o que reforza a idea de que estamos ante un lanzamento global de primeira liña.

Do X70 Air Pro ao Edge 70 Ultra: o mesmo móbil con dous nomes?

Nos últimos días, Motorola China comezou a promocionar o Motorola X70 Air Pro, mentres que a conta global da marca publicou un teaser sen mencionar nome comercial.

Isto encaixa cun patrón xa coñecido, xa que o X70 Air vendido na China corresponde ao Motorola Edge 70 no mercado internacional. Polo tanto, todo apunta a que o X70 Air Pro podería ser o mesmo dispositivo que chegue a Europa e outros mercados como Motorola Edge 70 Ultra ou como parte da nova gama Signature.

Se se confirmase esta última opción, estariamos ante o primeiro modelo “Signature” de Motorola, unha liña que aspira a competir directamente cos grandes buques insignia de Samsung, Xiaomi ou OnePlus, que a día de hoxe copan o mercado da gama alta Android.

Potencia de nova xeración: Snapdragon 8 Gen 5 e 16 GB de RAM

Segundo os rumores máis sólidos, este novo smartphone de Motorola apostará sen concesións polo rendemento, incluíndo un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 5, e unha memori RAM de até 16 GB. Tamén destacaría pola súa pantalla, onde teríamos unha pantalla OLED de 6,7 polgadas con resolución 1.5K e unha taxa de refresco de 120 Hz.

Estas dúas características en conxunto situarían ao novo Edge 70 Ultra entre os móbiles Android máis potentes do momento, preparado tanto para xogo esixente como para multitarefa avanzada.

Android 16 de saída: vantaxe clara fronte á competencia

Outro dos puntos máis destacados é que o dispositivo chegaría directamente con Android 16, algo pouco habitual mesmo nalgúns lanzamentos de gama alta. Isto suporía, polo tanto, máis anos de actualizacións garantidas e melloras inmediatas en seguridade e rendemento.

Motorola leva tempo reforzando a súa política de software, e este movemento confirmaría a súa intención de xogar na liga premium sen complexos.

O 6 de xaneiro, data clave para Motorola

A elección do 6 de xaneiro non é casual: coincide coa antesala do CES de Las Vegas, un dos tres grandes escaparates tecnolóxicos do ano. Todo indica que Motorola quere arrincar 2026 cun golpe de efecto, presentando un terminal que redefina a súa gama alta, adiantándose a rivais como Samsung, cos seus novos Galaxy S26.

Por agora, a marca mantén o misterio, pero se os rumores se confirman, o novo Edge 70 Ultra (ou Signature) podería converterse nun dos smartphones Android máis completos do ano que está por comezar.

Sobre o autor

Reply