Samsung prepara unha das melloras máis demandadas polas usuarias da súa gama premium. A nova serie Samsung Galaxy S26, que se presentará previsiblemente a finais de febreiro de 2026, apostará forte pola carga, tanto por cable como sen fíos, para colocarse á altura dos seus principais rivais.
As últimas filtracións apuntan a que a carga será un dos grandes protagonistas do Galaxy S26, con velocidades superiores, un novo estándar sen fíos e a chegada dun sistema de imáns ao estilo MagSafe.
Carga sen fíos máis rápida grazas a Qi2.2
Segundo apuntan desde SamMobile, os Samsung Galaxy S26, S26+ e S26 Ultra serán compatíbeis co novo estándar de carga sen fíos Qi2.2, unha evolución que permite aumentar de forma notábel a potencia respecto aos actuais 15 W.
As cifras filtradas adiantan un incremento até os 20W nos Galaxy S26 e Galaxy S26+, e até os 25W no caso do Galaxy S26 Ultra. Uns incrementos que permitirán reducir de maneira significativa os tempos de carga sen necesidade de cables.
Ademais, esta mellora non se limita á carga sen fíos. As filtracións indican que o Galaxy S26 Ultra abandonará os 45 W das xeracións anteriores para apostar por 60 W de carga rápida por cable.

Un cambio importante para o día a día
A carga sen fíos adoita empregarse en situacións cotiás: na mesa de traballo, na mesiña de noite ou no coche. Co aumento de potencia do Qi2.2, os Galaxy S26 permitirán recuperar máis batería en menos tempo, mantendo o móbil cargado durante o uso intensivo. Un avance especialmente interesante para quen xa aposta por bases de carga sen fíos no seu día a día.
Outra das grandes novidades será a chegada dun sistema de imáns integrado no propio teléfono, similar ao MagSafe de Apple. Isto permitirá usar accesorios magnéticos sen necesidade de fundas especiais, algo moi reclamado polas usuarias de Samsung.
Entre os accesorios compatíbeis estarán, principalmente, os soportes magnéticos para o coche e as baterías externas sen fíos. Pero tamén os tarxeteiros e soportes de escritorio, cada vez máis empregados polas usuarias.
Respondendo ás demandas das usuarias
Estas melloras na carga e na adaptación aos sistemas magnéticos non són casualidade, senón a resposta do fabricante ás demandas das usuarias das gamas premium de Samsung, que as viñan reclamando nos últimos modelos. Co Galaxy S26, Samsung parece ter escoitado por fin á súa comunidade, apostando por solucións maduras e estándares abertos como Qi2.2.
Con isto, e outros datos que xa se foron coñecendo, todo apunta a que a serie Galaxy S26 non só competirá en potencia, cámaras ou software, senón tamén nun apartado clave como a carga, onde ata agora quedara un paso por detrás dalgúns rivais, especialmente as marcas chinesas.
