A conectividade xa é unha parte esencial da experiencia en festivais, concertos, partidos e outros eventos multitudinarios. Con esa idea como punto de partida, Telefónica transformou o Movistar Arena de Madrid nun auténtico showroom tecnolóxico, un espazo onde probar, medir e demostrar como debe funcionar unha rede móbil de altas prestacións en contornas con milleiros de persoas conectadas ao mesmo tempo.
O resultado é un recinto que non só destaca pola súa actividade cultural e deportiva, senón tamén por situarse na vangarda da conectividade móbil, cun modelo perfectamente replicable noutros espazos masivos como estadios de fútbol, grandes pavillóns ou festivais ao aire libre.
De dous a oito nodos: unha infraestrutura pensada para a alta densidade
Durante 2025, Telefónica multiplicou por catro a infraestrutura móbil do Movistar Arena, pasando de dous a oito nodos de rede distribuídos estratexicamente no recinto. Este reforzo permite absorber picos moi elevados de tráfico sen degradar a experiencia das usuarias, algo clave en eventos con aforos superiores ás 17.400 persoas.
Esta ampliación tradúcese nunha maior capacidade para realizar chamadas e videochamadas, pero tamén en velocidades de datos máis altas e unha latencia mínima, mesmo nos momentos de máxima demanda.
Un escenario ideal para demostrar como debe responder unha rede móbil en situacións extremas, e un espazo de probas para estudar como pode facelo tamén noutros recintos similares distribuídos por todo o Estado.
5G SA, altas frecuencias e tecnoloxías de futuro
Segundo apunta a operadora, o despregamento levado a cabo no Movistar Arena non se limitou a reforzar a cobertura existente. Telefónica apostou por 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz e 5G Stand Alone (SA), permitindo activar capacidades avanzadas como o Network Slicing, para priorizar tráfico crítico, e Edge Computing, reducindo tempos de resposta.
Ademais, un dos aspectos máis salientables do proxecto é a instalación de cobertura en ondas milimétricas (mmWave), unha tecnoloxía especialmente indicada para espazos con enorme concentración de usuarias. E se ben o seu uso comercial dependerá da chegada de máis dispositivos compatíbeis, o Movistar Arena xa está preparado para xestionar volumes masivos de datos, ofrecendo velocidades ultrarrápidas e dando servizo á próxima xeración de smartphones.
Como se comportan as usuarias nun concerto conectado
Ao longo de 2025, Telefónica analizou os patróns reais de uso da rede durante eventos no recinto. Os datos son reveladores, e apuntan a que o 50% do tráfico total xa é 5G. Ademais, detectouse que o maior consumo prodúcese nos minutos previos á saída ao escenario, predominando o tráfico de baixada: vídeos, redes sociais, mensaxería e directos.
Esta información é clave para optimizar futuros despregamentos noutros recintos e anticiparse ao comportamento do público en eventos multitudinarios. Por iso, Telefónica emprega este espazo como referencia para futuros despregamentos en estadios de fútbol, grandes pavillóns, recintos feirais e de congresos ou os grandes festivais, como os que foron xurdindo nos últimos anos en Galiza.
