O Redmi Turbo 5 Pro continúa perfilándose como un dos smartphones máis interesantes do inicio de 2026. Tras meses de rumores arredor dunha batería xigante e dun rendemento de gama alta, unha nova certificación oficial vén de confirmar un dos seus puntos fortes: a carga rápida por cable de 100 W.
A confirmación chega grazas á certificación 3C en China, un paso habitual previo ao lanzamento comercial dos dispositivos, o que indica que a presentación oficial podería estar moi próxima.
Certificación 3C: carga rápida de 100 W asegurada
Segundo os rexistros da certificación chinesa 3C, o Redmi Turbo 5 Pro, identificado co número de modelo 2602BRT18C, será compatíbel con carga rápida por cable de ata 100 W. Esta especificación sitúa ao terminal entre os máis rápidos do mercado en tempos de carga, especialmente dentro da gama Redmi, e confirma que Xiaomi quere competir de cheo no apartado da autonomía e da velocidade de recarga.
Aínda que a capacidade exacta da batería non foi confirmada oficialmente, os rumores apuntan a unha cifra de 9.000 mAh, o que, combinado con 100 W, podería ofrecer longas xornadas de uso intensivo, combinado cunha carga completa en tempo reducido.
Máis aló da carga: procesador e pantalla
Ademais da carga rápida, as filtracións máis recentes sinalan que o Redmi Turbo 5 Pro podería incorporar o novo MediaTek Dimensity 9500e, unha versión optimizada do Dimensity 9500, orientada a ofrecer alto rendemento cun mellor control térmico e eficiencia enerxética.
No apartado visual, espérase unha pantalla OLED LTPS con resolución 1.5K, que se vén convertendo nun estándar nos modelos máis avanzados. Ademáis levará sensor de pegadas dixitais ultrasónico baixo a pantalla, unha característica propia da gama alta.
Lanzamento inminente en xaneiro
A aparición na base de datos da certificación 3C adoita ser un sinal claro de lanzamento próximo. Todo apunta a que o Redmi Turbo 5 Pro será presentado oficialmente ao longo deste mes de xaneiro, polo menos no mercado chinés, cun posíbel salto internacional máis adiante baixo outra denominación comercial.
Con este novo modelo, Xiaomi aspirará a seguir liderando un dos campos máis valorados polas usuarias: a autonomía, convertendo a ademais os tempos de recarga nun argumento clave fronte á competencia.
