RedMagic 11 Pro+ Golden Saga: luxo extremo para gamers cun sistema de refrixeración bañado en ouro

nubia arrinca 2026 cunha proposta tan espectacular como exclusiva. A compañía vén de presentar o RedMagic 11 Pro+ Golden Saga edition, unha edición especial do seu smartphone gaming máis avanzado que aposta por materiais premium e un sistema de refrixeración con compoñentes bañados en ouro, sen renunciar ao rendemento extremo que caracteriza á familia RedMagic.

Esta nova versión eleva o concepto de móbil para xogadoras a un terreo máis próximo ao luxo tecnolóxico, combinando potencia bruta, deseño inspirado no mundo do motor e unha estética pensada para quen quere algo verdadeiramente diferente.

Deseño exclusivo con fibra de carbono e cristal de zafiro

A edición Golden Saga distingue rapidamente do modelo estándar polo seu acabado exterior. nubia aposta aquí por unha traseira fabricada en fibra de carbono de calidade supercar, recuberta por cristal de zafiro, un material moi pouco habitual nos smartphones polo seu alto custo e resistencia extrema aos raiados.

O conxunto complétase cun marco metálico con acabado prata espello, que reforza esa sensación de produto premium e exclusivo, moi afastado da estética gaming máis agresiva á que estamos acostumadas.

Refrixeración bañada en ouro: espectáculo e funcionalidade

O elemento máis chamativo desta edición especial está no seu interior. O RedMagic 11 Pro+ Golden Saga incorpora unha cámara de vapor bañada en ouro, con condutos de aire con detalles en ouro e prata e un sistema de refrixeración líquida con acabado dourado

Máis alá do impacto visual, o ouro destaca pola súa excelente condutividade térmica, polo que esta solución busca tamén mellorar a disipación da calor en sesións de xogo prolongadas, mantendo o rendemento estable mesmo baixo cargas extremas.

Potencia sen concesións: Snapdragon 8 Elite Gen 5

No apartado técnico, esta edición non introduce cambios respecto ao modelo estándar, mantendo un hardware de auténtica gama ultra, co procesador Snapdragon 8 Elite Gen 5 poñendo todo en orde.

A el súmanse outras prestacións destacadas, como a pantalla AMOLED BOE X10 de 6,85 polgadas cunha taxa de refresco de 144 Hz, ideal para xogos competitivos; ou unha batería de 7.500 mAh con carga rápida de 120 W por cable e 80 W sen fíos.

Todo isto converte ao RedMagic 11 Pro+ nun dos smartphones máis potentes do mercado, pensado para xogadoras e usuarias que buscan o máximo en rendemento.

Unha edición limitada tamén en formato tablet

nubia aproveitou o anuncio para presentar tamén a RedMagic Gaming Tablet 3 Pro Golden Saga edition, que segue a mesma filosofía de luxo e detalles dourados.

Esta tablet gaming inclúe unha pPantalla OLED de 9,06 polgadas e taxa de refresco de 165 Hz, procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite e unha batería de 8.200 mAh

Un complemento perfecto para quen quere un ecosistema gaming de alto nivel cunha estética coherente.

Prezo e dispoñibilidade

O RedMagic 11 Pro+ Golden Saga edition estará dispoñíbel proximamente para reserva en China cunha única configuración de 24 GB de RAM e 1 TB de almacenamento, e custará arredor de 1.300 euros ao cambio.

Un prezo elevado, pero acorde ao seu carácter de edición limitada, aos materiais empregados e ao público ao que vai dirixido.

Sobre o autor

Reply