LG anuncia CLOiD: un robot doméstico que promete dobrar a roupa e liberar tempo no día a día

O CES de Las Vegas comezou, marcando o inicio tecnolóxico do ano. Unha cita na que os grandes fabricantes presentan as súas propostas máis avanzadas, tanto de produtos comercias coma outros que tardarán moitos anos en chegar ás nosas casas (se é que o fan algún día).

O fabricante surcoreano LG, que abandonou o mercado dos smartphones hai xa algún tempo, está agora centrada nas súas outras liñas de produtos tradicionais (electrodomésticos, televisores…), mais tamén na robótica. E nesta liña, presentou o LG CLOiD, un robot doméstico intelixente deseñado para asumir tarefas cotiás como dobrar a roupa ou preparar o almorzo, permitindo ás persoas centrarse en si mesmas.

Un robot pensado para “o fogar real”

LG define o CLOiD como un robot doméstico funcional, non como un simple asistente experimental. A súa misión é clara: encargarse das tarefas repetitivas e mecánicas que consumen tempo no día a día, como dobrar a roupa. A compañía xa adiantara a súa existencia a finais de 2025, pero agora chega a súa presentación oficial.

Como non podía ser doutro xeito, o LG CLOiD está impulsado por intelixencia artificial, e pensado para traballar de forma integrada cos electrodomésticos conectados da marca, como lavadoras e secadoras intelixentes, grazas á plataforma LG ThinQ. Isto significa que non actúa de maneira illada, senón como parte dun ecosistema de fogar conectado, no que todos os dispositivos se comunican entre si para optimizar tarefas.

Se cadra un dos elementos máis interesantes do CLOiD é a súa cabeza, que funciona como un hub móbil de intelixencia artificial. A diferenza dos asistentes tradicionais, que adoitan ser pantallas fixas ou altofalantes intelixentes, este robot pode desprazarse pola casa.

No seu interior incorpora un procesador que actúa como “a cabeza” dun ecosistema dotdo con software de IA xerativa por voz, ademais de cámaras e sensores avanzados, e unha pantalla integrada na que poder amosar información.

Grazas a esta combinación, o CLOiD pode comprender ordes en linguaxe natural (en inglés, polo de agora), procesalas e executalas. Por exemplo, poderías pedirlle que acenda a calefacción, que xestione un electrodoméstico ou que realice unha tarefa concreta no fogar.

Brazos con mobilidade similar á humana

Outro punto clave do LG CLOiD está nos seus brazos. Cada un conta con sete graos de liberdade, o que lle permite unha mobilidade moi próxima á dun brazo humano. Isto é fundamental para manipular obxectos de distintos tamaños e formas e para realizar tarefas delicadas como dobrar roupa.

Segundo LG, esta capacidade permítelle manexar unha ampla variedade de obxectos domésticos, adaptándose a diferentes contornas do fogar. Polo tanto, estaría en disposición de traballar en espazos como cociñas, lavanderías e salas de estar.

Un paso máis cara ao fogar automatizado

Aínda que LG non revelou polo momento prezo nin data de lanzamento, o CLOiD representa un paso importante na evolución da robótica doméstica. Non se trata só dun asistente por voz avanzado, senón dun robot con capacidade real de interacción física co entorno.

A pregunta xa non é se veremos robots na casa, senón cando e a que prezo. Co CLOiD, LG deixa claro que o futuro do fogar intelixente pasa por dispositivos que non só respondan, senón que actúen.

Sobre o autor

No Responses

Reply