Os móbiles de gama media seguen a ser o verdadeiro motor do mercado smartphone, e MediaTek sábeo ben. Por iso vén de presentar o MediaTek Dimensity 7100, un novo procesador pensado para levar características propias da gama alta a teléfonos máis accesíbeis, sen disparar os prezos.
Nun mercado cada vez máis esixente, onde as usuarias buscamos un bo equilibrio entre potencia, autonomía e prezo, a chegada deste chipset cobra unha relevancia especial.
Procesador de 6 nm pensado para o equilibrio
O Dimensity 7100 está fabricado en tecnoloxía de 6 nanómetros, un proceso que permite mellorar a eficiencia enerxética sen renunciar ao rendemento. MediaTek aposta aquí non pola forza bruta, senón por unha experiencia global optimizada, que afecta ao uso diario, á fotografía, ao xogo e á conectividade.
Segundo o fabricante, este proceso permite acadar ata un 5% máis de eficiencia enerxética en aplicacións xerais, algo clave para alongar a duración da batería nos móbiles de gama media.
No seu interior atopamos unha CPU de oito núcleos ben equilibrada: 4 núcleos ARM Cortex-A78 de alto rendemento a ata 2,4 GHz; e outros 4 núcleos ARM Cortex-A55 orientados á eficiencia a 2,0 GHz. Xuntos garanten fluidez no día a día, boa resposta en multitarefa e un consumo contido, mesmo en usos máis esixentes.
Mellor experiencia gaming cunha GPU máis potente
Para quen usa o móbil tamén para xogar, MediaTek inclúe a GPU Arm Mali-G610 MC2, que ofrece renderizado gráfico máis fluído e sesións de xogo máis estables, ademais dun menor consumo enerxético
Segundo MediaTek, esta GPU supón unha mellora clara en velocidade e estabilidade fronte a xeracións anteriores, permitindo xogar durante máis tempo sen penalizar tanto a batería. A isto hai que sumar qye é compatíbel coa carga rápida de ata 45 W, os adaptadores universais UFCS e os sistemas avanzados de xestión de voltaxe ultra baixa, o que contribúe a prolongar a vida útil da batería.
Fotografía de até 200 MP na gama media
Outro dos puntos máis atractivos deste novo procesador é o seu apartado fotográfico. O Dimensity 7100 permite integrar sensores principais de ata 200 megapíxeles, tecnoloxías avanzadas de redución de ruído e detección facial acelerada por hardware.
O seu ISP (procesador de sinal de imaxe) está especialmente optimizado para retratos e fotografía en condicións de pouca luz, ofrecendo resultados máis nítidos e equilibrados, mesmo en móbiles de prezo contido.
Pantallas de até 120 Hz e 10 bits de cor
No apartado visual, o Dimensity 7100 non se queda atrás, ofrecendo soporte para pantallas de 10 bits (máis de mil millóns de cores) e compatibilidade con HDR10+ e HLG.
Admite tamén unha resolución máxima de ata 1.200 x 2.600 píxeles e taxas de refresco de ata 120 Hz, ademais da tecnoloxía MiraVision para mellorar a calidade da imaxe. Isto permitirá ver smartphones de gama media con pantallas cada vez máis próximas ás da gama alta.
Conectividade 5G máis eficiente e Bluetooth de longo alcance
En conectividade, o Dimensity 7100 destaca polo seu módem 5G compatible con 3GPP Release-16 que permite velocidades de descarga de ata 3,3 Gbps. Integra ademáis tecnoloxía MediaTek 5G UltraSave 3.0+, que reduce o consumo do módem ata nun 30%.
Tamén inclúe compatibilidade con Wi-Fi 6, Bluetooth 5.4 e o modo de Bluetooth de longo alcance, capaz de conectar dispositivos a distancias de varios quilómetros en espazos abertos, unha posíbel alternativa de comunicación cando non hai cobertura móbil.
Un paso máis para democratizar a tecnoloxía
Co MediaTek Dimensity 7100, a compañía reforza a súa aposta pola gama media, levando prestacións cada vez máis avanzadas a dispositivos accesíbeis. Un chip chamado a protagonizar boa parte dos smartphones máis interesantes de gama media do 2026.
Se o acompañamento en cámaras, baterías e prezos é o axeitado, este procesador pode converterse nun dos grandes protagonistas do ano.
