LG OLED evo W6: así é o televisor OLED sen cables máis delgado do mundo

Seguindo coas novidades do CES, e logo de ter sorprendido co seu robot CLOiD, LG anunciou a nova xeración de televisores “sen cables”. Falamos do novo LG OLED evo W6, o seu Wallpaper TV True Wireless, que destaca polo seu deseño ultrafino de só 9 mm de grosor, conectividade totalmente sen cables e unha nova tecnoloxía de imaxe chamada Hyper Radiant Color, sitúandose como o OLED máis avanzado da marca ata a data.

O regreso do icónico Wallpaper TV non é só unha cuestión de deseño: LG aposta forte por redefinir a experiencia visual, a integración no fogar e o rendemento tanto para cine como para gaming.

Só 9 mm de grosor e True Wireless

O LG OLED evo W6 está concibido para integrarse por completo no espazo. Grazas a unha coidada enxeñaría interna e á miniaturización das súas compoñentes, LG conseguiu un televisor de apenas 9 mm de espesor, que queda totalmente a ras da parede, reforzando o concepto Wallpaper que a compañía estreou en 2017. O novo soporte de parede mellorado permite ademais unha instalación limpa e elegante, facendo que a pantalla pareza literalmente parte da parede, sen distraccións visuais nin volumes innecesarios.

Máis aló do deseño, un dos grandes elementos diferenciais do OLED evo W6 é a súa tecnoloxía True Wireless. Grazas ao Zero Connect Box, todas as conexións (HDMI, consolas, reprodutores, etc.) concéntranse nun módulo externo que pode colocarse a unha distancia de até a 10 metros do televisor.

Deste modo, o sistema permite transmitir vídeo 4K e audio sen perdas, mantendo unha estética limpa e minimalista no salón. O resultado é o televisor OLED True Wireless máis delgado do mundo, demostrando que deseño extremo e calidade de imaxe poden ir da man.

Hyper Radiant Color: máis brillo, mellores negros e menos reflexos

LG estrea no W6 a súa nova Hyper Radiant Color Technology, unha evolución clave para o futuro dos OLED. Esta tecnoloxía mellora os negros profundos, onde LG segue sen ter rival a día de hoxe. Ademais, aumenta a intensidade da cor, incrementa o brillo ata 3,9 veces máis que un OLED convencional e reduce de forma moi notábel os reflexos da pantalla.

LG asegura que grazas ao sistema Brightness Booster Ultra, o OLED evo W6 convértese no televisor OLED máis brillante da súa historia, sen perder fidelidade cromática. Un panel que conta tamén coa certificación “Reflection Free with Premium” de Intertek, sendo o primeiro do sector, o que garante unha experiencia impecable mesmo en estancias moi iluminadas. Os coñecidos Perfect Blacks e Perfect Colors, certificados por UL Solutions, agora poden gozarse sen distraccións.

Procesador α11 AI Gen3 e LG Gallery+

No corazón do OLED evo W6 atopamos o novo procesador α (Alpha) 11 AI Gen3, cunha NPU 5,6 veces máis potente que a xeración anterior. Este salto permite introducir o innovador Dual AI Engine, que procesa en paralelo a redución de ruído e a conservación da textura natural da imaxe.

O resultado é unha calidade visual máis equilibrada, sen sobreenfoques artificiais, respectando o detalle orixinal do contido.

Por outra banda, co servizo LG Gallery+, o OLED evo W6 convértese nun elemento activo do deseño interior. As usuarias poden acceder a máis de 4.500 imaxes e escenas, desde contidos cinematográficos até gráficos para videoxogos, fotos persoais ou creacións xeradas con IA.

A experiencia complétase con música ambiental adaptativa, facendo do televisor unha ferramenta de estilismo e expresión persoal, mesmo cando non se está a ver contido tradicional.

Gemini e Copilot: a IA na túa televisión

A integración de Google Gemini e Microsoft Copilot permite realizar consultas por voz, mentres que funcións como AI Concierge ou In This Scene achegan información contextual do contido, incluíndo detalles do reparto ou imaxes xeradas con IA.

Todo isto está protexido por LG Shield, galardoado cun CES 2026 Innovation Award, que garante a seguridade dos datos mediante cifrado avanzado.

LG OLED evo W6: referencia absoluta do OLED en 2026

Co OLED evo W6, LG non só recupera un icono do deseño televisivo, senón que establece un novo estándar en calidade de imaxe, conectividade sen cables, intelixencia artificial e integración no fogar.

Un televisor pensado para quen busca a máxima excelencia tecnolóxica, e do que só nos queda saber cando vai estar dispoñíbel (e a que prezo).

Sobre o autor

Reply