Samsung Galaxy Book6: así é a nova xeración de portátiles con IA, potencia extrema e deseño ultradelgado

Samsung aproveitou o CES 2026 para presentar a súa nova xeración de portátiles, a serie Galaxy Book6, composta polos Galaxy Book6 Ultra, Galaxy Book6 Pro e Galaxy Book6. Trátase da liña máis avanzada da familia até a data, cun claro obxectivo: elevar as expectativas do que pode ofrecer un PC moderno combinando alto rendemento, intelixencia artificial integrada, gran autonomía e un deseño extremadamente refinado.

O fabricante surcoreano quere que as usuarias máis avanzadas non teñan que escoller entre potencia, portabilidade ou autonomía, asegurándoo que os novos Galaxy Book6 están orientados a quen quere (ou necesita) telo todo.

Intel Core Ultra Series 3: Panther Lake e IA no propio dispositivo

O gran salto xeracional da serie Galaxy Book6 chega da man dos novos procesadores Intel Core Ultra Series 3, baseados na arquitectura Intel 18A (1,8 nm). Estes chips marcan un antes e un despois ao integrar CPU, GPU e NPU dedicada para tarefas de intelixencia artificial no mesmo SoC.

Segundo Intel e Samsung, o rendemento da CPU é máis dun 50 % superior respecto á xeración anterior, mentres que a NPU alcanza ata 50 TOPS, permitindo executar tarefas de IA de forma local, sen depender da nube. Isto tradúcese en tarefas como traducións instantáneas, limpeza e mellora de imaxes, busca intelixente de contido ou edición creativa asistida por IA en tempo real.

No caso do Galaxy Book6 Ultra, o modelo máis avanzado, Samsung engade ademais gráficas dedicadas NVIDIA GeForce RTX 5060 e 5070, abrindo a porta a creación de contido avanzada, xogos de alto nivel e xeración de imaxes por IA a gran velocidade.

Un sistema de refrixeración á altura do rendemento

Para soster este nivel de potencia, Samsung redeseñou por completo o sistema térmico, introducindo por primeira vez a cámara de vapor tamén no modelo Pro, e unha superficie térmica ampliada no caso do Ultra.

Ademais, dispoñen de aletas máis grandes para unha mellor disipación e uns ventiladores que foron redeseñados para ser máis silenciosos e eficientes. O resultado é unha mellora do 35 % na eficiencia da refrixeración, mantendo un funcionamento silencioso mesmo baixo cargas intensas, algo clave para profesionais e creadores.

Até 30 horas de batería e carga ultrarrápida

Outro dos grandes argumentos da serie Galaxy Book6 é a autonomía. Os modelos Ultra e Pro incorporan as baterías máis duradeiras vistas nunca nun portátil Samsung, acadando até 30 horas de reprodución de vídeo, o que supón preto de 5 horas máis ca a xeración anterior.

A isto hai que sumar a carga ultrarrápida, que permite ás usuarias recuperar até o 63 % da batería en só 30 minutos, ideal para xornadas longas, viaxes ou uso intensivo fóra da oficina.

Pantallas AMOLED de referencia: brillo, fluidez e cero reflexos

Os Galaxy Book6 Ultra e Pro incorporan pantallas Dynamic AMOLED 2X táctiles, cunha calidade visual pensada para traballar e crear durante horas, e que contan con certificación True Black 0,0005 nits.

Destacan tamén polo seu brillo, que acada os 1000 nits HDR e 500 nits SDR para uso diario, así como tamén pola súa taxa de refresco, cunha frecuencia adaptativa de 30 a 120 Hz

A tecnoloxía Vision Booster adapta automaticamente a pantalla á luz ambiente, mentres que o cristal Corning Gorilla Glass DXC reduce os reflexos ata nun 75 %, mellorando a visibilidade incluso en exteriores.

Son envolvente para traballo e entretemento

Samsung tamén coidou especialmente o apartado de audio. O Galaxy Book6 Ultra integra un sistema de seis altofalantes con Dolby Atmos, composto por catro woofers con cancelación de forza e dous tweeters, o que se traduce nunha experiencia de graves potentes e son equilibrado mesmo a alto volume.

Os modelos Pro tamén melloran notablemente o son, garantindo claridade en videoconferencias, clases online e consumo multimedia.

Deseño ultradelgado e equilibrio perfecto

En termos de deseño, a serie Galaxy Book6 destaca por un deseño refinado e funcional, destacando elementos como unha simetría perfecta, de liñas limpas e esquinas curvas, ou un teclado de dous cons con trackpad háptico.

Todo o interior foi reorganizado para mellorar a distribución do peso, a estabilidade térmica e a durabilidade a longo prazo, e en termos de grosor falamos de apenas 11,9 mm no Galaxy Book6 Pro 16”, de 15,4 mm no Galaxy Book6 Ultra.

Galaxy AI: produtividade conectada en todo o ecosistema Samsung

Un dos grandes valores diferenciais do Galaxy Book6 é a integración profunda de Galaxy AI, que conecta portátil, móbil e tablet nun único fluxo de traballo. Entre as ferramentas máis destacadas están:

  • Selección de IA para obter información ao instante tocando texto.
  • AI Cut Out para recortar fondos de imaxes automaticamente.
  • Busca en linguaxe natural.
  • Asistente de Notas con resumo e tradución.
  • Almacenamento compartido entre dispositivos Galaxy.
  • Multi Control, Segunda pantalla e Enlace a Windows.

Todas estas funcións están pensadas para traballar máis rápido e cunha maior integración continuidade entre dispositivos.

Dispoñibilidade e conclusión

Os novos Galaxy Book6 Ultra, Pro e Book6 estarán dispoñíbeis en gris e prateado en mercados seleccionados a finais de xaneiro de 2026. Tamén haberá unha versión Enterprise, que chegará en abril.

Con esta nova xeración, Samsung non só actualiza o seu catálogo, senón que redefine como debe ser un portátil moderno, combinando potencia real, IA útil, autonomía sobresaliente e un deseño que prioriza a experiencia diaria.

Sobre o autor

Reply