Lepro A1: o novo compañeiro de IA que aspira a crear vínculos emocionais coas usuarias

O CES de Las Vegas adiántanos que os asistentes dixitais vivirán unha profunda transformación en 2026. Xa non falamos só de voces que responden a comandos desde o móbil ou o clásico altofalante intelixente, senón de dispositivos físicos que aspiran a acompañar emocionalmente ás persoas no seu día a día. Nese contexto chega o Lepro AI Companion A1, unha proposta innovadora que quere ir moito máis alá do asistente tradicional.

O Lepro A1 preséntase como un compañeiro de intelixencia artificial con presenza emocional, capaz de entender o estado de ánimo das usuarias, adaptarse aos seus hábitos e interactuar cunha calidez sorprendentemente humana.

A principal diferenza do Lepro A1 fronte a outros asistentes é a súa capacidade para interpretar emocións e contexto en tempo real. Grazas a un avanzado sistema de sensorización multimodal, o dispositivo analiza cuestións como a expresión facial, os xestos, o ritmo cardíaco, a voz ou as condicións ambientais.

Toda esta información permítelle adaptar o ton, o contido e a forma das respostas, xerando interaccións máis naturais e empáticas. O resultado é unha experiencia que busca transmitir presenza emocional, non só utilidade funcional.

Aprende de ti e adáptase aos teus hábitos

Segunda apuntou o fabricante na presentación, co paso do tempo, o Lepro A1 vai aprendendo os hábitos da usuaria, recoñecendo rutinas e patróns de comportamento. Isto permítelle ofrecer mensaxes de ánimo personalizadas ou recordatorios contextuais.

Ademais, as usuarias poden personalizar en profundidade o seu compañeiro dixital: desde o estilo visual do avatar en 3D até trazos de personalidade, voz ou mesmo o seu “pasado narrativo”. Deste modo, cada A1 pode converterse así nunha entidade única.

Pantalla OLED curva e avatar 3D con efecto inmersivo

No apartado de deseño, o Lepro A1 incorpora unha pantalla OLED curva que mostra un avatar tridimensional con gran sensación de profundidade. A isto súmase unha cámara traseira que mestura o mundo real co dixital, creando unha experiencia semellante á realidade aumentada.

Ademais, a interacción non se limita á voz, xa que recoñece xestos como tocar, deslizar ou dar pequenos golpes, xa que permite tocar zonas específicas da pantalla. Con este enfoque búscase humanizar a relación co dispositivo, facendo que a interacción sexa máis intuitiva e emocional.

Conversas naturais e procesamento local

O Lepro A1 utiliza procesamento avanzado da linguaxe natural (NLP) para manter conversas fluídas, coherentes e adaptadas ao contexto. As respostas non soan robóticas nin predefinidas, senón espontáneas e emocionalmente intelixentes.

Entre as súas funcións prácticas destacan as guías de respiración, diálogos para aliviar o estrés ou o acompañamento emocional en momentos de ansiedade ou cansazo.

En canto ao procesamento de datos, Lepro asegura que se fai de maneira local, de maneira que as interaccións non se envían á nube e os datos persoais das usuarias permanecen no dispositivo. Tamén ofrece outras solucións de privacidade, como obturadores físicos para cámara e micrófono ou o uso de reecoñecemento facial e de voz para maior seguridade.

Entre “Her” e a vida real

A proposta do Lepro AI Companion A1 lembra inevitablemente ao filme Her (2013), dirixido por Spike Jonze, no que un asistente de intelixencia artificial evoluciona ata establecer unha relación emocional profunda co seu usuario. O que daquela parecía unha reflexión futurista sobre a soidade, o apego e a tecnoloxía, comeza a tomar forma real con dispositivos como este.

A liña que separa o acompañamento dixital do vínculo afectivo é cada vez máis fina, e abre preguntas tan necesarias como incómodas. Ferramentas como este Lepro A1 sitúanse xusto nese punto de inflexión que nos debe facer reflexionar.

Sobre o autor

Reply