MasOrange simplifica o seu catálogo: Lycamobile desaparecerá en febreiro para integrarse en Llamaya

O mercado da telefonía móbil estatal continúa o seu proceso de consolidación, e 2026 promete ser un ano clave neste sentido. O último movemento chega da man de MasOrange, que vén de confirmar a desaparición de Lycamobile, unha das súas marcas virtuais. A partir do 2 de febreiro de 2026, as usuarias desta compañía pasarán a formar parte de Llamaya, outra das marcas do propio grupo.

Un cambio que, aínda que non suporá modificacións inmediatas no servizo para as usuarias, si marca un novo paso na estratexia de simplificación e reorganización de marcas do xigante resultante da fusión entre MásMóvil e Orange.

Un adeus tras 15 anos no nicho das chamadas internacionais

Lycamobile chegou a España no ano 2010 cunha proposta moi clara: ofrecer servizos de telefonía móbil, especialmente de prepago, enfocados ás chamadas internacionais. Esta orientación permitiulle gañar rapidamente presenza entre a poboación inmigrante e converterse nunha opción moi popular nun segmento pouco atendido polas grandes operadoras.

O éxito foi inmediato. Antes de cumprir o seu primeiro mes no mercado español, Lycamobile Spain Limited xa contaba con 65.000 usuarias, apoiándose na cobertura de Movistar e nunha política de prezos moi competitiva.

A nivel global, a marca viviu o seu gran momento en 2014, cando se converteu na OMV internacional con maior facturación do mundo, acadando os 1.500 millóns de euros no conxunto das filiais que ten en diferentes países

Da compra por MásMóvil á integración en MasOrange

O 2 de marzo de 2020, Lycamobile foi adquirida polo Grupo MásMóvil, pasando a formar parte do seu amplo catálogo de marcas. Posteriormente, coa fusión con Orange, quedou integrada baixo o paraugas de MasOrange, xunto con outras OMV e marcas históricas do sector.

Porén, Lycamobile non era unha marca propia nin de Orange nin de MásMóvil, senón unha marca licenciada de orixe internacional, un factor clave para entender a decisión actual. MasOrange xa tomou decisións semellantes no pasado, como a desaparición de Virgin, apostando por reducir aquelas marcas que non encaixan a longo prazo na súa estratexia.

A integración proposta noutra das marcas do grupo, Llamaya, non implicará cambios relevantes para as usuarias, tal e como anunciou a operadora nas súas redes sociais. E será a partir do 2 de febreiro cando o cambio sexa efectivo, mantendo tarifas, servizos e condicións, cando menos nunha primeira fase.

O futuro de Llamaya

A única incerteza que terán as usuarias de Lycamobile é que pasará nun futuro con Llamaya, dado que actualmente esta marca tampouco parece estar en plena expansión, xa que non está permitindo novas altas de maneira habitual, agás para a clientela xa existente. Isto alimenta as especulacións sobre unha posible nova fusión interna ou mesmo a desaparición progresiva da marca no futuro.

Todo apunta a que MasOrange está a avaliar unha reducción do número de OMV do seu catálogo para concentrar volume en menos marcas, simplificar a súa oferta e competir con máis forza fronte a outros grandes grupos europeos e internacionais, evitando a fragmentación actual.

2026: continúa a reorganización do mercado das telecomunicacións

A desaparición de Lycamobile encaixa nun contexto máis amplo de reorganización do mercado. As grandes operadoras buscan gañar tamaño, eficiencia e capacidade de investimento fronte á presión de xigantes estadounidenses e chineses.

Neste escenario, é probable que ao longo de 2026 vexamos máis movementos similares, con marcas que desaparecen ou se integran noutras como parte dun proceso inevitable de consolidación.

Para os usuarias, polo menos de momento, a mensaxe é tranquilizadora: o servizo mantense. Pero o mapa das marcas móbiles segue cambiando, e Lycamobile convértese nun novo exemplo de como o sector avanza cara a menos nomes e grupos cada vez máis grandes.

Sobre o autor

Reply