Motorola aproveitou o escenario do Lenovo Tech World 2026 para deixar clara a súa folla de ruta para os próximos anos: máis innovación en formatos, unha aposta decidida pola intelixencia artificial e a construción dun ecosistema coherente e integrado. A compañía presentou novos dispositivos flagship, conceptos de futuro e unha plataforma de IA compartida con Lenovo que busca cambiar a forma na que interactuamos coa tecnoloxía.
Entre os anuncios máis destacados atópanse o primeiro encartábel tipo fold de Motorola, a estrea dunha nova familia ultra-premium, un asistente wearable con IA perceptiva, a plataforma Motorola Qira e a ampliación do ecosistema moto things.
motorola razr fold: o primeiro encartábel tipo fold da marca
Motorola entra por fin no segmento dos plegables tipo fold co motorola razr fold, un dispositivo pensado para combinar produtividade, entretemento e mobilidade. O novo formato busca adaptarse á vida moderna cun deseño flexible e funcións de intelixencia artificial integradas desde o primeiro momento.

Pechado, o razr fold ofrece unha pantalla externa de 6,56 polgadas, similar á dun smartphone convencional. Ao abrilo, desprega unha pantalla interna LTPO 2K de 8,09 polgadas, converténdose nunha auténtica superficie de traballo para multitarefa, creatividade e consumo de contidos. As interfaces adaptables e a compatibilidade co moto pen ultra permiten un uso máis profesional, mentres que funcións de IA como Catch me up ou Next Move axudan a manter a información organizada e contextualizada.

No apartado fotográfico, Motorola aposta forte cun sistema triple de 50 MP, que inclúe sensor principal, ultra gran angular con función macro e un teleobxectivo periscopio 3x. Complétano unha cámara externa de 32 MP e unha interna de 20 MP. O uso de sensores Sony LYTIA, a gravación en Dolby Vision e a estabilización avanzada buscan ofrecer resultados de nivel cinematográfico.
motorola signature: nace a nova familia ultra-premium
Outro dos grandes anuncios foi a presentación de motorola signature, a nova familia ultra-premium da marca. Este primeiro modelo está dirixido a usuarias que buscan o máximo en deseño, rendemento e experiencia a longo prazo.

motorola signature destaca por acabados coidados, combinacións de cores exclusivas e un compromiso pouco habitual no ecosistema Android, pero que vai sumando marcas: ata sete anos de actualizacións do sistema e de seguridade. Ademais, inclúe servizos diferenciadores como asistencia personalizada baixo demanda.

Trátase dun smartphone ultradelgado equipado cun Snapdragon 8 Gen 5 de 3 nm, catro cámaras de 50 MP, e unha batería de silicio-carbono de 5.200 mAh, compatible con carga rápida de 90 W e carga sen fíos de 50 W. A pantalla Extreme AMOLED de 6,8 polgadas, xunto con Dolby Vision, Dolby Atmos e Sound by Bose, completa unha experiencia multimedia de alto nivel.

Motorola Qira: unha plataforma de IA unificada
Lenovo e Motorola tamén deron a coñecer Motorola Qira, unha plataforma de intelixencia artificial unificada que integra baixo unha mesma interface as tecnoloxías moto ai, Lenovo AI Now, Creator Zone e Learning Zone.

O obxectivo de Qira é reducir a fricción entre dispositivos e aplicacións, mantendo o contexto e permitindo que a IA acompañe ao usuario de forma continua. A plataforma conta con colaboracións con actores clave do sector como Microsoft, Google, Qualcomm, Intel ou Perplexity, garantindo experiencias fiables e executadas directamente no dispositivo sempre que sexa posible.
Proxecto Maxwell: un asistente wearable con IA perceptiva
Entre os conceptos máis chamativos do evento estivo o Proxecto Maxwell, desenvolvido por Motorola 312 Labs. Trátase dun asistente wearable mans libres, sempre accesible e sensible ao contexto, capaz de ver, escoitar e comprender o entorno para ofrecer información en tempo real.
Este asistente pode, por exemplo, escoitar unha conferencia e xerar un resumo ou unha publicación para redes sociais sen necesidade de interactuar cun smartphone. A clave está na fusión de percepción multimodal e na captura de intencións mediante linguaxe natural, permitindo suxestións e accións contextuais. Aínda que é só unha proba de concepto, Motorola confirmou que o aprendido con Maxwell influirá nos seus futuros desenvolvementos en IA.
motorola razr FIFA World Cup 26 Edition
Como parte da serie Motorola Collections, a marca anunciou o motorola razr FIFA World Cup 26 Edition, unha edición especial que celebra o seu papel como partner oficial da Copa Mundial da FIFA 2026.

Este modelo mantén as características da gama razr, cunha bisagra reforzada en titanio, certificación IP48 e batería de 4.500 mAh, pero engade personalizacións exclusivas inspiradas no torneo, como fondos, tons de chamada e marcas de auga nas fotografías. Iso si, só estará dispoñible en Estados Unidos e Canadá.
O ecosistema moto things segue medrando
Motorola tamén ampliou o seu ecosistema moto things con novos dispositivos e accesorios: o altofalante moto sound flow con Sound by Bose, o moto watch desenvolvido xunto a Polar, o moto pen ultra e o moto tag 2. Todos eles están deseñados para integrarse de forma fluída cos smartphones da marca, apostando por materiais premium e cores seleccionadas por Pantone.

Dispoñibilidade e prezos
O motorola signature chegará ao noso país cun prezo recomendado de 999 euros. O motorola razr fold tamén está confirmado para o noso mercado, aínda que Motorola dará máis detalles proximamente.
Os novos dispositivos moto things estarán dispoñibles no Estado español con prezos que parten dos 39 euros no caso do moto tag, pasando polos 59 euros do moto pen ultra, desde 99 euros no moto watch e 199 euros para o moto sound flow.
