O HONOR Magic 8 Pro xa está dispoñible en Europa: fotografía con IA, potencia extrema e un ecosistema cada vez máis maduro

Tras o seu anuncio hai apenas uns días, o HONOR Magic 8 Pro xa está oficialmente dispoñíbel en Europa, confirmándose como un dos smartphones máis ambiciosos do que vai de 2026. A nova proposta insignia de HONOR combina fotografía computacional avanzada, intelixencia artificial integrada a nivel de sistema, un rendemento líder no sector e unha batería de gran capacidade, nun dispositivo claramente orientado á gama ultra premium.

Co Magic 8 Pro, HONOR non só busca competir en especificacións, senón redefinir a experiencia de uso diaria cun enfoque no que a IA actúa como compañeira constante do usuario.

Un salto cualitativo na fotografía móbil grazas a AiMAGE

A cámara é, sen dúbida, un dos grandes piares do HONOR Magic 8 Pro. A marca aposta pola súa nova xeración do sistema AiMAGE, centrado especialmente na fotografía nocturna e no zoom.

O protagonista absoluto é o teleobxectivo ultra nocturno de 200 MP, cun sensor de 1/1,4”, apertura f/2,6, estabilización óptica (OIS) e zoom óptico de 3,7x. Esta combinación permite captar moita máis luz e manter un nivel de detalle elevado mesmo en escenas complexas e a longa distancia.

O conxunto complétase cunha cámara principal de 50 MP ultranoche (f/1,6, OIS) e un ultra gran angular de 50 MP con 122 graos de visión e modo macro a 2,5 cm, abrindo a porta a un uso creativo moi versátil, tanto en fotografía de paisaxe como en retrato.

Grazas ao modelo de estabilización adaptativa con IA, o Magic 8 Pro multiplica por sete as probabilidades de obter fotos nítidas con zoom, mesmo sen trípode, acadando ademais a certificación CIPA 5.5, a máis alta do sector neste apartado.

Magic Color e edición intelixente ao nivel profesional

Outra das grandes novidades é Magic Color, o primeiro procesador de cor con IA do sector. Mediante algoritmos avanzados de aprendizaxe profunda, o sistema é capaz de traballar con 16,77 millóns de cores, optimizando tanto a tonalidade global como os detalles finos en tempo real.

Isto tradúcese en opcións como estilos cinematográficos, tons de película profesional e a creación de plantillas personalizadas a partir de imaxes de referencia. Todo isto intégrase directamente na cámara e en ferramentas como Magic Portal, simplificando procesos de gradación de cor que ata agora estaban reservados á edición profesional.

No eido da edición, o AI Photos Agent permite accións avanzadas cun só toque ou mediante voz: AI Eraser, AI Outpainting, AI Color ou AI Cutout, facilitando a edición creativa sen coñecementos técnicos avanzados. Ademais, o novo botón físico dedicado á IA permite lanzar a cámara instantaneamente ou acceder ás funcións intelixentes personalizadas.

IA centrada nas usuarias: máis alá da cámara

O HONOR Magic 8 Pro chega con MagicOS 10, onde a IA non é unha función illada, senón unha capa transversal do sistema. HONOR AI interpreta o contido en pantalla, entende o contexto e executa accións de forma proactiva, adaptándose ao uso real do dispositivo.

Entre as funcións máis destacadas atópanse as suxestións intelixentes segundo o contido da pantalla, resumos automáticos, detección de deepfakes ou a protección fronte á clonación de voz e rostros en chamadas e videoconferencias

A integración de Google Gemini amplía aínda máis as capacidades do dispositivo, permitindo interacción por texto, voz ou imaxes, traducións en tempo real, comprensión visual e asistencia contextual continua, achegando o Magic 8 Pro ao concepto de asistente persoal verdadeiramente útil.

Rendemento extremo e autonomía para todo o día

No interior, o Magic 8 Pro incorpora o Snapdragon 8 Elite Gen 5, o procesador móbil máis potente do momento. A súa combinación de CPU, GPU e NPU permite non só un rendemento fluído no uso diario, senón tamén unha experiencia sobresaliente en xogos esixentes.

HONOR introduce aquí unha tecnoloxía pioneira de superresolución e xeración de fotogramas GPU-NPU, capaz de transformar xogos a 60 fps e 850p en experiencias a 120 fps e 1080p, algo especialmente relevante para títulos de mundo aberto.

A pantalla LTPO OLED de 6,71 polgadas ofrece unha taxa de refresco adaptativa de 1 a 120 Hz e un brillo máximo HDR de ata 6.000 nits, cun pico global de 1.800 nits. O conxunto complétase con tecnoloxías avanzadas de protección ocular: PWM de 4.320 Hz, pantalla circadiana nocturna e polarización circular 2.0, pensadas para reducir a fatiga visual en usos prolongados.

No apartado do software, MagicOS 10 aposta por un deseño translúcido, limpo e coherente, pero tamén por unha conectividade total entre dispositivos. A nova versión de HONOR Share permite transferencias bidireccionais con Android, iOS, macOS e Windows, así como unha clonación completa desde iPhone, mantendo a seguridade e a privacidade dos datos.

Por último, a autonomía corre a cargo dunha batería de silicio e carbono de 6.270 mAh, con carga rápida de 100 W por cable e 80 W sen fíos, garantindo un uso intensivo sen preocupacións.

Prezo, cores e promoción de lanzamento

O HONOR Magic 8 Pro xa está dispoñíbel en Europa desde o luns en tres cores: dourado (sunrise gold), azul (sky cyan) e negro (black), cun prezo recomendado de 1.299 euros.

Como oferta de lanzamento, HONOR inclúe un bundle especial valorado en máis de 800 euros, con tablet, teclado, stylus, smartwatch, auriculares e cargador rápido, reforzando a aposta polo ecosistema propio.

Sobre o autor

Reply