TCL Note A1 NXTPAPER: a nova tablet híbrida de TCL pensada para ler, escribir e crear sen cansazo visual

TCL aproveitou o CES 2026 para presentar un dispositivo moi particular: a TCL Note A1 NXTPAPER, un híbrido entre tablet e E-Note que busca ofrecer unha experiencia dixital moito máis próxima ao papel tradicional. Dirixida a profesionais, estudantes e creadoras de contido, esta nova proposta combina pantalla tipo papel de última xeración, escritura avanzada con stylus e ferramentas potenciadas por intelixencia artificial.

Coa chegada da tecnoloxía NXTPAPER Pure, TCL dá un paso máis na súa aposta por pantallas cómodas para a vista, ideais para longas sesións de lectura, anotación e traballo creativo.

NXTPAPER Pure: a evolución da pantalla “tipo papel”

A gran protagonista da TCL Note A1 NXTPAPER é a nova tecnoloxía NXTPAPER Pure, unha evolución da coñecida NXTPAPER que TCL introduciu en 2021, agora optimizada especificamente para dispositivos E-Note.

Esta pantalla ofrece unha frecuencia de actualización de 120 Hz, garantindo fluidez e ausencia de parpadeos, unha redución da luz azul prexudicial ata só un 2,44%, segundo certificación SGS, así como unha superficie antirreflexos que mantén a nitidez da imaxe. E todo ilo coa certificación TÜV Rheinland de comodidade visual.

Ademais, a reprodución de 16,7 millóns de cores e o brillo adaptativo permiten unha percepción de profundidade máis realista, reducindo a fatiga ocular mesmo en condicións de iluminación variables. Todo isto convértea nunha pantalla especialmente axeitada para lectura prolongada, estudo ou traballo profesional.

Escritura dixital cunha sensación realista

Outro dos puntos fortes da TCL Note A1 NXTPAPER é a experiencia de escritura. O dispositivo inclúe o T-Pen Pro, un stylus avanzado deseñado para imitar o comportamento dun lapis tradicional.

Destaca espeicalmente polos seus 8.192 niveis de sensibilidade á presión, cunha dobre punta funcional e unha latencia que se sitúa por baixo dos 5 milisegundos.

Grazas á combinación do stylus coa superficie NXTPAPER Pure, a sensación ao escribir ou debuxar lembra moito ao papel real, tanto pola textura como pola resistencia, algo especialmente valorado por ilustradoras e outras persoas que adoitan tomar notas a man.

Produtividade intelixente grazas á IA

A TCL Note A1 NXTPAPER non se queda só no hardware. Integra tamén múltiples ferramentas baseadas en intelixencia artificial, pensadas para mellorar a produtividade diaria.

Entre elas atopamos funcións como a transcrición en tempo real de reunións e clases, tradución automática, resumos intelixentes de contido ou ferramentas de escritura como AI Rewrite e Writing Assist, que melloran claridade e estilo. Competan este ecosistema Inspiration Space, un espazo deseñado para organizar ideas, notas e contidos creativos.

Estas funcións fan que a tablet sexa útil tanto para tarefas académicas como profesionais, reducindo tempo e mellorando a eficiencia no traballo diario.

Deseño lixeiro, batería ampla e vocación profesional

No apartado físico, TCL apostou por un deseño elegante e funcional. A TCL Note A1 NXTPAPER conta cun corpo unibody de aluminio, cun grosor de só 5,5 mm e un peso aproximado de 500 gramos, o que facilita o seu transporte.

No interior atopamos unha batería de 8.000 mAh, pensada para xornadas longas sen depender do cargador, 256 GB de almacenamento interno de serie e conectividae WiFi e Bluetooth.

Ademais, os accesorios opcionais —como a funda con tapa ou a funda con teclado— permiten converter a tablet nun dispositivo moi próximo a un PC portátil, ampliando aínda máis as súas posibilidades de uso profesional.

Unha aposta clara polo futuro da lectura e da escritura dixital

Coa TCL Note A1 NXTPAPER, a marca reforza a súa posición como referente en tecnoloxía de pantallas, ofrecendo un dispositivo pensado non tanto para o consumo multimedia clásico, senón para ler, escribir, estudar e crear con comodidade visual e precisión.

A combinación de pantalla tipo papel, stylus avanzado e ferramentas de IA fai deste modelo unha alternativa moi interesante fronte ás tablets tradicionais e aos lectores electrónicos clásicos.

Segundo confirmou TCL, a TCL Note A1 NXTPAPER estará dispoñible en España proximamente, aínda que polo momento non se comunicaron nin o prezo oficial nin a data exacta de lanzamento.

Sobre o autor

Reply