TCL NXTPAPER 70 Pro: así é o smartphone Android que inaugura a Serie TCL 70 cunha pantalla tipo papel

TCL comezou o ano apostando unha das súas apostas máis diferenciadoras no mercado móbil: a tecnoloxía NXTPAPER. Entre os anuncios realizados no CES de Las Vegas pola compañía, ademais da nova tablet que vimos onte, destaca o TCL NXTPAPER 70 Pro, o primeiro smartphone da nova Serie TCL 70 e o último integrante da gama NXTPAPER, deseñado para ofrecer unha experiencia visual máis cómoda, produtiva e respectuosa coa saúde ocular.

Este novo modelo combina pantalla tipo papel de cuarta xeración, ferramentas avanzadas baseadas en intelixencia artificial e un rendemento sólido, posicionándose como unha alternativa moi interesante para quen pasa moitas horas fronte ao móbil lendo, traballando ou creando contido.

NXTPAPER 4.0: pantalla tipo papel pensada para o uso diario

O TCL NXTPAPER 70 Pro dá continuidade á tecnoloxía NXTPAPER 4.0, unha evolución da pantalla desenvolvida por TCL que busca reducir ao máximo a fatiga visual. Segundo a marca, este panel reduce a emisión de luz azul nociva ata só un 3,41%, mantendo unha reprodución de cor precisa e unha experiencia visual máis natural.

Esta tecnoloxía permite un uso prolongado do smartphone sen o cansazo habitual das pantallas convencionais, achegándose á sensación do papel tradicional pero sen renunciar ás vantaxes dun panel a cor.

Tecla NXTPAPER: tres modos de visualización nun só clic

Un dos elementos máis característicos do TCL NXTPAPER 70 Pro é a tecla NXTPAPER, un botón físico dedicado que permite alternar entre distintos modos de pantalla segundo o uso que fagamos do dispositivo:

  • Modo Color Papel, para o uso diario
  • Modo Tinta Papel, con cores máis suaves
  • Modo Max Ink, totalmente monocromático, pensado para a lectura

Ao activar o Modo Max Ink, o smartphone transfórmase practicamente nun lector de libros electrónicos, ofrecendo ata 7 días de lectura e ata 26 días en espera. Este modo inclúe unha biblioteca de libros preinstalada e ferramentas de lectura con IA como AI Outline, AI Q&A, AI Audiobook e AI Podcast, que permiten optimizar e consumir contidos dun xeito máis intelixente.

En calquera momento, as usuarias poden volver á pantalla a cor para navegar, usar redes sociais ou consumir contido multimedia.

Escritura e creatividade cun stylus

O TCL NXTPAPER 70 Pro é compatíbel cun lápiz óptico T-Pen, sensíbel á presión e con baixa latencia, que mellora notablemente a experiencia de escritura a man.

Grazas ás funcións de escritura con IA, as usuarias poden tomar notas mesmo coa pantalla apagada, crear diarios ou portadas personalizadas ou desenvolver ideas creativas dun xeito máis natural.

Este enfoque converte o dispositivo nunha ferramenta versátil tanto para traballo e estudo como para o lecer creativo.

Comodidade visual certificada e protección ocular avanzada

A comodidade visual é un dos piares deste smartphone. O TCL NXTPAPER 70 Pro conta con certificacións TÜV e SGS, e integra ata 7 tecnoloxías principais de coidado ocular, entre elas:

  • Luz natural e ausencia de parpadeo
  • Purificación de luz azul a nivel de hardware
  • Visualización sen reflexos nin destellos
  • Confort circadiano para uso nocturno
  • DC dimming para eliminar o parpadeo
  • TruePaper Restoration

En exteriores, a combinación de litografía de nano-matriz e software adaptativo reduce os reflexos solares, ofrecendo unha das taxas de reflexión máis baixas do mercado. En interiores e durante a noite, o brillo pode baixar ata 1 nit, axustándose gradualmente para non alterar o ritmo circadiano nin o descanso.

Cámara de 50 MP e estética cinematográfica

No apartado fotográfico, o TCL NXTPAPER 70 Pro aposta por unha configuración sinxela e equilibrada, cunha cámara principal de 50 MP con OIS e unha cámara frontal de 32 MP para autorretratos e videoconferencias.

A tecnoloxía MuseFilm de TCL engade modos e filtros pensados para un resultado máis cinematográfico. O modo nocturno mellora os detalles en condicións de pouca luz, mentres que a dobre estabilización OIS + EIS, xunto co bloqueo de horizonte, facilita a captura de escenas en movemento. O filtro clásico CCD achega cores suaves e tons cálidos cun marcado estilo retro.

Intelixencia artificial útil para o día a día

A integración da IA no TCL NXTPAPER 70 Pro vai máis alá do marketing. Entre as funcións destacadas atopamos:

  • AI Smart Interpreter, con subtítulos en tempo real, tradución cara a cara e tradución simultánea en reunións
  • Voice Memo, que transcribe e resume automaticamente gravacións
  • Ferramentas de escritura e comprensión de texto con IA
  • Google Gemini integrado, para buscas intelixentes e interacción directa coa pantalla

Estas funcións están pensadas para mellorar a comunicación multilingüe, axilizar tarefas profesionais e potenciar a creatividade.

Rendemento sólido e gran autonomía

O TCL NXTPAPER 70 Pro monta un procesador MediaTek Dimensity 7300, acompañado de ata 24 GB de RAM (8 GB físicos + 16 GB de expansión virtual), o que debería garantir un bo rendemento en multitarefa.

No resto de especificacións destaca a configuración con até 512 GB de almacenamento, ampliable mediante microSD, batería de 5.200 mAh con carga de 33 W, e resistencia IP68 fronte ao po e ás salpicaduras de auga.

Un smartphone diferente, pensado para o benestar dixital

Co TCL NXTPAPER 70 Pro, TCL reafirma o seu compromiso cunha tecnoloxía máis accesible, saudable e centrada no usuario. Non é un smartphone pensado para competir só en potencia bruta, senón para ofrecer unha experiencia máis amable coa vista, ideal para quen le, escribe e traballa co móbil durante horas.

Segundo confirmou a marca, o TCL NXTPAPER 70 Pro estará dispoñible en España proximamente, aínda que polo momento non se coñecen nin o prezo oficial nin a data exacta de lanzamento.

Sobre o autor

Reply