Movistar regala ChatGPT Plus durante seis meses para compensar a súa suba anual de prezos

Telefónica e OpenAI veñen de pechar un acordo para ofrecer ChatGPT Plus de balde á clientela de Movistar, nun movemento que chega no mesmo momento no que a operadora pon en marcha a súa habitual suba anual de tarifas. Un anuncio potente, tecnolóxico e moi simbólico que mestura innovación, intelixencia artificial e estratexia comercial.

ChatGPT Plus gratis para a clientela de Movistar: que inclúe a oferta

Desde esta semana todas as clientas de Movistar poden acceder de forma gratuíta durante seis meses a ChatGPT Plus, a versión máis avanzada do asistente de intelixencia artificial de OpenAI. A oferta non implica permanencia nin custo adicional e pode activarse de maneira totalmente dixital.

O acceso realízase a través da área de cliente de movistar.es ou da app Mi Movistar, desde ondeas usuarias poden recibir un código ou ligazón único para rexistrarse en OpenAI e comezar a usar ChatGPT Plus de inmediato.

Que ofrece ChatGPT Plus fronte á versión gratuíta

ChatGPT Plus está pensado para aquelas usuarias que buscan un uso máis intensivo e profesional da IA. Entre as súas principais vantaxes destacan as respostas máis rápidas e con mellor razoamento e un maior número de mensaxes e límites de uso máis amplos.

Tamén ofrece a posibilidade de de subir arquivos máis grandes, e acceso a ferramentas avanzadas para creación de contidos, imaxes e vídeo, axudando en tarefas profesionais, aprendizaxe, análise de información e produtividade

Un asistente versátil que xa se utiliza en ámbitos como a comunicación, a educación, a análise de mercados, a investigación ou o traballo creativo.

Movistar e a súa aposta pola intelixencia artificial

Con este acordo, Movistar convértese na primeira operadora en ofrecer ChatGPT Plus á súa clientela, como parte da súa estratexia para democratizar o acceso á IA xenerativa, achegándoa ao mercado residencial e integrándoa no seu ecosistema de servizos dixitais avanzados.

Non é un movemento illado: xa o ano pasado a compañía presumía de ser a primeira marca nacional en incorporar servizos de IA avanzada na súa oferta comercial.

Un anuncio que coincide coa suba anual de prezos

O contexto non é menor. O anuncio da chegada de ChatGPT Plus gratis prodúcese xusto cando Movistar activa a súa suba anual de prezos, unha actualización de tarifas que afecta a boa parte da súa carteira de usuarias.

Desde o punto de vista estratéxico, a operación fai que mentres as usuarias asumen un incremento na factura mensual, a operadora ofrece un servizo premium de alto valor percibido como elemento compensatorio, unha fórmula xa coñecida no sector das telecomunicacións.

Sobre o autor

Reply