Fossibot F113: novo móbil robustecido con visión nocturna infravermella

Os smartphones robustecidos seguen a ser un segmento moi específico dentro do mercado móbil, pero continúan tendo unha base de usuarias moi fieis, especialmente entre entre certas profesionais, aventureiras e persoas que precisan dispositivos capaces de soportar condicións extremas. Neste contexto, o Fossibot F113 destaca por introducir unha característica pouco habitual incluso neste tipo de terminais: un sistema de visión nocturna infravermella integrado.

A proposta de Fossibot combina resistencia extrema, unha batería de capacidade moi elevada e funcións deseñadas para o uso en contornas onde un móbil convencional simplemente non sobreviviría.

Visión nocturna infravermella nun smartphone

O principal elemento diferencial do Fossibot F113 é o seu sistema de cámaras con visión nocturna por infravermellos, que segundo o fabricante o converte no primeiro smartphone robustecido do mundo en incorporar esta tecnoloxía. Grazas a un conxunto específico de sensores e emisores infravermellos, o dispositivo é capaz de captar imaxes en branco e negro mesmo en completa escuridade, cun alcance de ata 50 metros.

Esta función está pensada para usos moi concretos, como operacións de busca e rescate, tarefas de vixilancia e seguridade, actividades de campismo e exploración nocturna ou mesmo a observación da fauna sen alterar o seu comportamento. Non é unha prestación pensada para o uso cotián, pero si unha ferramenta moi útil en contornas profesionais ou naturais.

Resistencia certificada para condicións extremas

Como bo móbil rugerizado, o Fossibot F113 aposta pola máxima durabilidade. O seu chasis conta con certificacións IP68 e IP69K, o que garante resistencia á auga, ao po e a chorros a alta presión. Ademais, cumpre co estándar militar MIL-STD-810H, que certifica a súa capacidade para soportar caídas, vibracións e condicións ambientais adversas.

Este deseño fai que o dispositivo sexa especialmente axeitado para traballos en exteriores, contornas industriais ou actividades nas que a integridade do móbil é clave.

Unha batería de 20.000 mAh para longas xornadas

Outro dos grandes puntos fortes do Fossibot F113 é a súa batería de 20.000 mAh, unha capacidade moi superior á media do mercado e mesmo por riba de moitas baterías externas. Segundo Fossibot, esta batería permite ata 2.000 horas en espera, arredor de 163 horas de chamadas ou unhas 35 horas de reprodución de vídeo.

Ademais, o terminal admite carga inversa, polo que pode utilizarse para cargar outros dispositivos, algo especialmente útil en situacións onde non hai acceso a enchufes durante longos períodos.

O punto menos destacado neste apartado é a carga de 33 W, unha potencia modesta tendo en conta o tamaño da batería, aínda que suficiente para un uso planificado.

Rendemento equilibrado e equipamento completo

No apartado técnico, o Fossibot F113 incorpora un MediaTek Dimensity 7050 con conectividade 5G, acompañado de 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno, ampliable mediante tarxetas microSD. Un conxunto equilibrado para garantir un funcionamento fluído en tarefas diarias, aplicacións profesionais e uso multimedia.

O sistema de cámaras complétase cun sensor principal de 50 MP, unha cámara macro de 5 MP e o xa mencionado módulo infravermello de 64 MP. A isto súmase un altavoz de ata 110 decibelios, pensado para contornas ruidosas, e unha linterna LED de 160 lúmenes cun alcance tamén de ata 50 metros.

A pantalla é de 6,78 polgadas, cunha taxa de refresco de 120 Hz e protección Gorilla Glass 3, garantindo unha boa experiencia visual sen renunciar á resistencia.

Dispoñibilidade e prezo

O Fossibot F113 non se comercializa oficialmente no noso país. Actualmente, a súa adquisición pasa por plataformas internacionais como AliExpress, onde o seu prezo adoita situarse entre os 280 e os 350 euros, dependendo do vendedor e das ofertas dispoñibles.

Trátase dun smartphone claramente orientado a un público moi concreto. Para quen busca un móbil convencional, non é a opción máis axeitada. Pero para usuarias que precisan resistencia extrema, gran autonomía e funcionalidades especializadas como a visión nocturna, o Fossibot F113 convértese nunha proposta singular dentro do mercado dos móbiles rugerizados.

Sobre o autor

Reply