Starlink confirma a chegada ao noso país da súa cobertura móbil por satélite Direct to Cell

A conectividade móbil está a piques de vivir un dos seus maiores cambios das últimas décadas. Starlink, o servizo de internet por satélite de SpaceX, confirmou oficialmente que o conxunto do Estado español entra no mapa de despregamento de Direct to Cell, a súa tecnoloxía de cobertura móbil directa por satélite, que promete levar sinal 4G a lugares onde nunca houbo antenas terrestres.

A confirmación chega a través dunha actualización do mapa oficial de Starlink, no que o noso país aparece marcado como país “Coming soon”, xunto a outros mercados europeos e americanos nos que o servizo aínda non está activo comercialmente, pero xa forma parte do plan de expansión.

Que é Direct to Cell de Starlink e por que é tan relevante

Direct to Cell é a aposta máis ambiciosa de Starlink para eliminar as zonas sen cobertura móbil no planeta. A clave está en converter os seus satélites en torres de telefonía móbil en órbita, capaces de comunicarse directamente con teléfonos 4G convencionais, sen accesorios nin modificacións.

A diferenza doutras solucións de comunicación satelital, Direct to Cell non require antenas externas, nin apps específicas, nin móbiles especiais, sempre que o dispositivo sexa compatible con redes LTE e teña visión despexada do ceo. Para as usuarias, a experiencia é similar á de conectarse a unha rede móbil tradicional.

O servizo de Starlink permite, desde 2024, enviar mensaxes SMS e MMS, e está traballando na introdución de datos móbiles e conectividade IoT desde o ano pasado. Nun futuro próximo, promete le var a voz a través de aplicacións de comunicación, incluíndo as videochamadas.

Isto abre a porta a usar mapas, mensaxería instantánea, redes sociais ou chamadas por Internet en zonas sen cobertura terrestre.

Unha torre de telefonía no espazo

O funcionamento de Direct to Cell é tan complexo como revolucionario. Cada satélite de Starlink integra un módem eNodeB, a mesma tecnoloxía que utilizan as estacións base das redes 4G en terra. Desde o punto de vista do móbil, o satélite aparece como unha rede LTE máis.

Cando as usuarias envían unha mensaxe ou inician unha chamada, o sinal viaxa directamente ao satélite que pasa por riba. A partir de aí, a información salta entre satélites mediante enlaces láser, ata chegar a unha estación terrestre de Starlink, desde onde se encamiña á rede do operador móbil correspondente. En termos técnicos, funciona como unha especie de roaming satelital, cunha lóxica similar á que se emprega cando unha usuaria se conecta a unha rede estranxeira ao viaxar.

Ao operar en órbita baixa (uns 360 km de altitude), a latencia é moito menor que a dos satélites tradicionais, permitindo unha experiencia viable para chat, navegación web e videochamadas.

Galiza entra no mapa de Starlink

A inclusión do noso país no mapa de Direct to Cell confirma que SpaceX está a preparar o despregamento do servizo, aínda que sen datas nin condicións comerciais concretas. O Estado español aparece na mesma categoría ca Reino Unido, Suíza ou México, mercados onde o servizo aínda non está dispoñible pero xa conta con planificación activa.

Nos países onde Direct to Cell xa funciona, Starlink opera en colaboración con operadores móbiles locais, como T-Mobile nos Estados Unidos, Telstra en Australia, Rogers en Canadá ou Entel en Chile e Perú. Todo apunta a que en España se seguirá un modelo similar, pendente de acordos con operadoras e da obtención das autorizacións regulatorias necesarias.

Un salto clave para zonas rurais, marítimas e de montaña

A chegada de Direct to Cell pode ter un impacto especialmente relevante para Galiza, un país con amplas zonas rurais, áreas de montaña, tramos costeiros e rutas marítimas onde a cobertura móbil é inexistente ou moi limitada.

Esta tecnoloxía permitiría manter conectividade concellos pouco poboados, mellorar a cobertura en estradas secundarias e zonas de montaña, garantir comunicación en emerxencias, cando as infraestruturas terrestres fallan e facilitar conexión en mar aberto ou zonas illadas

Poréne, aínda quedan incógnitas importantes por resolver: prezos, tarifas, operador asociado, data de lanzamento e orde do despregamento. Noutros mercados, Starlink iniciou o servizo só con mensaxería e foi ampliando funcións progresivamente, algo que tamén podería repetirse no noso país.

Sobre o autor

No Responses

Reply