O mercado dos smartphones Android podería estar a piques de perder un dos seus actores históricos. Asus estaría preparándose para abandonar a fabricación de teléfonos móbiles, segundo declaracións recentes do seu presidente, Jonney Shih, o que marcaría o final das coñecidas gamas Zenfone e ROG Phone.
A información chega desde Taiwán e apunta a que o Zenfone 12 Ultra, presentado recentemente, podería converterse no último smartphone de Asus, polo menos durante unha longa tempada.
Asus confirma que non lanzará novos móbiles… polo de agora
Segundo recolle o medio taiwanés Inside, Jonney Shih foi claro ao respecto: “Asus non engadirá novos modelos de teléfonos móbiles no futuro.”
Aínda que a compañía non pecha completamente a porta a un posible regreso, o presidente describe a situación actual como unha fase de “observación indefinida do mercado”. Iso si, Asus asegura que seguirá atendendo e dando soporte ás usuarias actuais dos seus smartphones, un punto clave para quen xa confía na marca.
Desde Asus aínda non houbo unha confirmación oficial a nivel global, pero todo apunta a que a decisión está tomada, polo menos a curto e medio prazo.
O declive dunha marca con personalidade propia en Android
Durante anos, Asus foi unha das marcas máis recoñecibles do ecosistema Android, especialmente grazas a dúas liñas moi diferenciadas: Zenfone, coñecida por apostar por formatos compactos e especificacións equilibradas; e ROG Phone, considerada por moitas como a referencia absoluta en smartphones gaming de alta gama.
Porén, nos últimos anos a súa presenza foi perdendo forza. Tras o éxito do Zenfone 10 en 2023, un dos poucos móbiles compactos premium do mercado, a marca non conseguiu xerar o mesmo interese coas seguintes xeracións.
En 2025, Asus apenas lanzou dous modelos, o Zenfone 12 Ultra, potente pero pouco innovador, e o ROG Phone 9 FE, unha versión máis contida do seu móbil para xogadores. Como curiosidade, ningún dos dous chegou a comercializarse oficialmente en Estados Unidos, un síntoma máis do retroceso da marca no sector.
Un mercado cada vez máis difícil para os fabricantes Android
A posible saída de Asus do mercado móbil reflicte unha realidade cada vez máis evidente: o sector dos smartphones está máis saturado que nunca. A competencia é feroz, as marxes son reducidas e só unhas poucas marcas dominan as vendas globais.
Mesmo fabricantes con identidade propia e produtos ben valorados, como Asus, teñen dificultades para manter unha estratexia sostible fronte a xigantes como Samsung, Xiaomi ou Apple, e fronte ao empuxe de marcas chinesas con ciclos de lanzamento moito máis agresivos.
De confirmarse esta retirada, Zenfone e ROG Phone quedarían conxelados, sen novas xeracións previstas. Todo apunta a que a compañía centrará os seus esforzos noutras áreas clave do seu negocio, como o hardware para PC, portátiles, compoñentes gaming e dispositivos profesionais, segmentos nos que segue sendo unha das referencias mundiais.
