Galiza podería estar a piques de pechar unha das súas grandes eivas históricas en materia de conectividade. MasOrange e a súa marca R confirmaron que ao longo de 2026 acadarán o 100 % de cobertura 5G na contorna rural galega, un fito clave para a dixitalización do territorio e para a igualdade de oportunidades entre o rural e as áreas urbanas.
O anuncio produciuse tras un encontro institucional entre a dirección de MasOrange e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no que a compañía ratificou o seu compromiso estratéxico con Galiza como un dos seus territorios prioritarios.
Un investimento histórico en redes móbiles e fibra en Galiza
O investimento acumulado de MasOrange en Galiza supera xa os 2.300 millóns de euros, aos que se suman máis de 200 millóns adicionais previstos para os vindeiros tres anos. O obxectivo principal é consolidar o noso país como un dos territorios máis avanzados do Estado en redes fixas e móbiles.
Na actualidade, a rede 5G do grupo xa chega ao 97 % da poboación galega, unha porcentaxe que este mesmo ano se situará practicamente no 100 %. En paralelo, a súa infraestrutura de fibra óptica cobre máis de 1,7 millóns de fogares e empresas nos 313 concellos galegos, garantindo acceso á alta velocidade en case todo o territorio.
O plan UNICO 5G leva conectividade ao corazón do rural
Un dos piares deste despregamento é o plan UNICO 5G_Redes Activas, financiado polos fondos europeos NextGenerationEU e xestionado polo Ministerio para a Transformación Dixital.
Grazas a este programa, R e MasOrange xa ofrecen 5G a máis do 95 % dos concellos galegos de menos de 10.000 habitantes, case 250 localidades incluídas no plan. A previsión é clara: acadar o 100 % destes concellos antes de rematar 2026.
O proxecto implica actuacións en preto dun milleiro de estacións móbiles en Galiza, das cales 129 son de nova construción, unha cifra que reflicte a magnitude do esforzo técnico necesario para levar cobertura a zonas tradicionalmente esquecidas polas operadoras.
Dentro deste plan, MasOrange, a través da súa marca Orange, foi a principal adxudicataria en Galiza, concentrando o 98 % do orzamento asignado, cun investimento de 70 millóns de euros ata finais de 2026. O reparto por provincias amosa a dimensión territorial do despregamento: 22,7 M€ na Coruña, 20,5 M€ en Lugo; 17,6 M€ en Ourense e 9,6 M€ en Pontevedra
Este liderado en infraestruturas consolida ao grupo como o operador con maior cobertura de banda larga en Galicia, tanto fixa como móbil.
R, marca de referencia do grupo en Galiza
En clave local, R segue a ser a marca de referencia do Grupo MasOrange en Galiza, tanto para particulares como para empresas.
No seu catálogo destacan servizos avanzados xa dispoñibles sen custo adicional, como VoLTE (chamadas sobre 4G); eSIM, máis segura e sostible; e chamada visible, que axuda a reducir spam e fraude telefónica.
MasOrange é tamén o operador de referencia para empresas e administracións públicas galegas, con contratos de gran relevancia como Abanca, Inditex, Gadisa, Jealsa ou os catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galiza, entre moitos outros.
A través de R, o grupo ofrece solucións avanzadas en IA e automatización de procesos, Big Data, Cloud, IoT e infraestruturas de centros de datos con altos niveis de seguridade.
Emprego, sostibilidade e compromiso social
Máis aló do puramente tecnolóxico, o grupo saca peito de xerar preto de 4.200 empregos directos e indirectos e suma case 2 millóns de servizos activos na comunidade.
No ámbito social e ambiental, R mantén un forte compromiso local, recoñecido no Atlas Galego da Empresa Comprometida, onde obtivo en 2025 o distintivo de tres estrelas en bo goberno, medio ambiente e impacto local.
Entre as súas iniciativas destacan a Cátedra R en Ciberseguridade coas universidades da Coruña e Vigo; diversos programas de inclusión dixital para mulleres en risco de exclusión; aulas TEA para apoio a persoas autistas; o primeiro GarageLAB de Galiza, situado en Vigo, e máis de 50 cursos impartidos en concellos rurais co proxecto Reto Rural Dixital.
Un paso máis para pechar a fenda dixital en Galiza
Co obxectivo de acadar o 100 % de cobertura 5G no rural galego en 2026, MasOrange e R sitúanse como actores clave na transformación dixital da comunidade. Non se trata só de velocidade ou tecnoloxía, senón de garantir que vivir nun concello pequeno non supoña unha desvantaxe para estudar, traballar ou emprender.
