MediaTek presenta os Dimensity 9500s e 8500: máis potencia, IA e eficiencia para os móbiles flagship e premium

MediaTek volve mover ficha no mercado dos procesadores móbiles. A compañía taiwanesa presentou oficialmente os novos Dimensity 9500s e Dimensity 8500, dous chipsets deseñados para elevar o rendemento, o gaming, a fotografía computacional e a eficiencia enerxética nos smartphones flagship e premium que veremos ao longo de 2026.

Con estes lanzamentos, MediaTek pretende reforzar a súa posición como un dos actores clave do sector móbil, achegando tecnoloxías avanzadas a máis fabricantes e, por extensión, a máis usuarias.

Dimensity 9500s: potencia de gama alta pensada para durar máis

O MediaTek Dimensity 9500s é o novo buque insignia da marca. Fabricado cun proceso punteiro de 3 nanómetros, aposta por unha arquitectura All Big Core, enfocada en ofrecer o máximo rendemento sen disparar o consumo.

A súa CPU de oito núcleos combina 1 ultra núcleo Cortex-X925 ata 3,73 GHz, 3 núcleos premium Cortex-X4 e 4 núcleos de alto rendemento Cortex-A720. Este deseño permite executar tarefas esixentes —xogos, IA ou edición multimedia— mantendo unha mellor eficiencia enerxética, algo clave nos móbiles actuais.

No apartado gráfico, o Dimensity 9500s integra a GPU Immortalis-G925, preparada para ofrecer unha experiencia de xogo fluída incluso en títulos esixentes. Inclúe trazado de raios avanzado, unha tecnoloxía cada vez máis presente no gaming móbil de gama alta.

MediaTek acompaña este rendemento coa súa tecnoloxía MAGT 3.0 e MFRC 3.0, que optimizan o consumo durante as sesións de xogo, logrando máis estabilidade de fotogramas e maior duración da batería.

Outro dos grandes saltos do Dimensity 9500s está na súa NPU insignia, optimizada para razoamento xerativo e modelos multimodais. Isto tradúcese en edición fotográfica con IA (expansión, recorte e eliminación intelixente), posprocesamento de fotos en tempo real e xeración e resumo de contido en chamadas, reunións e documentos

No apartado fotográfico, o procesador de imaxe MediaTek Imagiq permite seguimento de movemento en tempo real a 30 fps, gravación de vídeo 8K con enfoque completo en Dolby Vision HDR e captura instantánea e redución avanzada de ruído. Un conxunto pensado tanto para creadores de contido como para usuarios esixentes.

Este SoC tamén destaca na conectividade, ofrecendo 5G Release 17 con velocidades de ata 7 Gbps e MediaTek 5G UltraSave 4.0 para aforro enerxético. A isto súmase AI Network Suite 2.0 para mellorar a conexión en zonas con pouca cobertura; Xtra Range 3.0, que amplía o alcance do Wi-Fi en interiores; e Bluetooth directo entre móbiles con alcance de ata 5 quilómetros

Dimensity 8500: rendemento premium para xogos rápidos e eficientes

Pola súa banda, o Dimensity 8500 está orientado ao segmento premium, pero sen renunciar á potencia. Fabricado en 4 nm, utiliza tamén unha arquitectura All Big Core con oito núcleos Cortex-A725 ata 3,4 GHz.

É compatible con memoria LPDDR5X a 9.600 Mbps, garantindo fluidez en multitarefa, xogos e aplicacións esixentes cun consumo contido.

A GPU Mali-G720 do Dimensity 8500 ofrece até un 25 % máis de rendemento gráfico e un 20 % menos de consumo fronte á xeración anterior. Ademais, MediaTek leva o trazado de raios tamén a este segmento, algo pouco habitual na gama media-alta, mellorando a inmersión visual nos xogos móbiles.

Este procesador incorpora a NPU de oitava xeración de MediaTek, compatible con grandes modelos de linguaxe (LLM e MLLM), modelos de xeración de imaxes, algoritmos de teleobxectivo ultra claro baseados en IA e motor semántico Dimensity AI, que optimiza automaticamente os fotogramas das imaxes.

MediaTek aposta forte polo futuro do smartphone

Cos Dimensity 9500s e Dimensity 8500, MediaTek deixa claro que o seu obxectivo é democratizar tecnoloxías flagship, levando máis potencia, mellor IA, gaming avanzado e conectividade de última xeración a un maior número de dispositivos.

Todo apunta a que estes chipsets serán protagonistas nos smartphones máis interesantes de 2026, tanto na gama alta como no segmento premium que cada vez difumina máis a fronteira co flagship tradicional.

Sobre o autor

Reply