O OnePlus Nord 6 comeza a dar pasos firmes antes da súa presentación oficial. O próximo smartphone de gama media-alta da marca foi detectado na base de datos de Geekbench, revelando datos clave sobre o seu rendemento, procesador e versión de Android. E ollo, porque todo apunta a que podería ser moito máis potente do esperado para un “Nord”.
O dispositivo apareceu listado en Geekbench co número de modelo CPH2795, o mesmo que xa figuraba recentemente na certificación TDRA. Nos resultados de rendemento, o OnePlus Nord 6 acadou 2.109 puntos en single-core e 6.503 puntos en multi-core, unhas cifras moi sólidas para un terminal de gama media, que o sitúan máis preto dos chamados flagship killers ca dos mid-range tradicionais.
Snapdragon 8s Gen 4: potencia de gama alta nun Nord
Aínda que Geekbench non menciona directamente o nome do procesador, os datos técnicos do chip —identificado como “sun”— encaixan perfectamente co Qualcomm Snapdragon 8s Gen 4, que conta cunha configuración de 1 núcleo a 3,21 GHz, 3 núcleos a 3,01 GHz, 2 núcleos a 2,80 GHz, 2 núcleos a 2,02 GHz e GPU Adreno 825
Este mesmo SoC equipa o OnePlus Turbo 6, lanzado recentemente na China, o que reforza os rumores de que o OnePlus Nord 6 podería ser unha versión renomeada para o mercado global.
12 GB de RAM de saída e outras características principas
Outro detalle interesante da listaxe é que o terminal executa Android 16 de serie, algo pouco habitual incluso en dispositivos premium. Ademais, a versión probada conta con 12 GB de memoria RAM, aínda que é de esperar que OnePlus ofreza máis configuracións no lanzamento oficial.
Se finalmente se confirma que o Nord 6 é unha adaptación internacional do Turbo 6, outras características que se confirmarían serían unha pantalla AMOLED de 6,78 polgadas con resolución 1.5K e taxa de refresco de 165 Hz, e un sistema de cámaras cun sensor principal de 50 MP con OIS e un frontal de 16 MP.
A batería podería chegar até os 9.000 mAh, con carga rápida de 80 W e carga inversa por cable de 27 W. Un conxunto que, de confirmarse, colocaría ao OnePlus Nord 6 nunha posición moi agresiva fronte á competencia.
Un Nord que apunta moi alto
Todo indica que OnePlus quere difuminar aínda máis a liña entre gama media e gama alta co Nord 6. A combinación de Snapdragon 8s Gen 4, Android 16 e unha posible batería descomunal podería converter este modelo nun dos lanzamentos máis interesantes de 2026.
Agora só queda agardar pola presentación oficial para confirmar se este Nord é, definitivamente, o máis potente da historia da serie.
