Telefónica vén de activar en Santiago de Compostela un dos 17 nodos de Edge Computing que forman parte do seu ambicioso Plan Edge, un proxecto pioneiro a escala europea co que a compañía busca acelerar a transformación dixital, impulsar novos servizos baseados en datos e reforzar a soberanía tecnolóxica dentro da Unión Europea.
O nodo compostelán sitúa a Galiza nun mapa estratéxico de infraestruturas avanzadas que permitirá achegar capacidade de computación, almacenamento e intelixencia artificial ás empresas e institucións, reducindo latencias e mellorando o control sobre os datos.
Unha rede estatal de Edge Computing sen precedentes
O Plan Edge de Telefónica xa conta con 10 nodos activos repartidos por Madrid (dous), Barcelona, Valencia, Sevilla, Málaga, Palma de Mallorca, Bilbao, A Coruña e Terrassa. Ao longo de 2026 incorporaranse sete novas localizacións —Zaragoza, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Gijón, Santa Cruz de Tenerife, Santiago de Compostela e Mérida— ata completar un total de 17 nodos Edge operativos en todo o territorio español.
Esta capilaridade permite que a computación avanzada se realice máis preto do lugar onde se xeran os datos, unha diferenza clave fronte aos modelos tradicionais baseados exclusivamente en grandes centros de datos centralizados ou en cloud remoto.
As centrais de Telefónica, clave diferencial do proxecto
Un dos elementos distintivos do Plan Edge é o aproveitamento da rede de centrais de Telefónica, que pasan a funcionar como auténticos microcentros de datos. A crecente demanda de capacidade de cómputo, intelixencia artificial, enerxía e solo técnico converte estas infraestruturas nun activo estratéxico difícil de replicar por outros operadores.
Estes nodos cumpren altos requisitos de dispoñibilidade e seguridade, e permiten executar tarefas de procesamento, análise e almacenamento de datos no borde da rede, minimizando latencias e mellorando a eficiencia enerxética.
Menor latencia, máis control e IA como servizo
O Edge Computing engade ás vantaxes clásicas do cloud —elasticidade e alta dispoñibilidade— menores tempos de resposta e un maior control do dato. Isto resulta especialmente relevante nun contexto no que medran os dispositivos conectados, a automatización e os servizos en tempo real.
Os nodos de Telefónica ofrecerán tamén capacidades de intelixencia artificial, permitindo ás empresas consumir GPUs como servizo, sen necesidade de realizar investimentos iniciais elevados. Este modelo facilita a adopción da IA de forma progresiva, con baixa latencia e baixo parámetros de soberanía e cumprimento normativo europeos.
Fibra óptica e 5G como piares do Edge
O Plan Edge apóiase nunha infraestrutura de conectividade na que Telefónica é líder a nivel estatal. A compañía conta cunha rede de fibra FTTH presente en máis de 31 millóns de unidades inmobiliarias, tras un proceso pioneiro de peche da rede de cobre, e cunha cobertura 5G que alcanza preto do 95% da poboación.
A combinación de fibra, 5G e Edge habilita unha nova xeración de servizos avanzados ligados á industria 4.0, loxística, condución asistida, portos, retail, comunicacións masivas ou xemelgos dixitais, entre outros casos de uso emerxentes.
Un modelo aberto fronte ao cloud hipercentralizado
A diferenza das plataformas cloud pechadas e altamente centralizadas dos grandes provedores globais, o proxecto de Telefónica aposta por un modelo aberto, descentralizado e interoperable, con múltiples provedores e interfaces compartidas.
Este enfoque garante compatibilidade, portabilidade e liberdade tecnolóxica para clientes e desenvolvedores, ao tempo que fomenta un ecosistema no que terceiros poden crear servizos que antes non eran viables sen o Edge Computing.
Soberanía europea do dato como eixo estratéxico
O Plan Edge encaixa plenamente coa folla de ruta dixital da Unión Europea, aliñándose coa Estratexia Dixital, os obxectivos de soberanía do dato e o desenvolvemento dunha oferta Cloud-Edge propia para o continente.
O proxecto articúlase dentro dun Proxecto Importante de Interese Común Europeo (IPCEI) coordinado pola Comisión Europea, no que a proposta de Telefónica España foi a mellor valorada a nivel nacional en 2021. O obxectivo é reducir a dependencia de plataformas situadas fóra da UE e fortalecer a industria tecnolóxica europea.
Santiago, nodo estratéxico da nova economía dixital
Co despregamento do nodo Edge en Santiago de Compostela, Telefónica saca o peito de reforzar o papel de Galiza na nova economía dixital, achegando infraestruturas críticas que permitirán ás empresas locais competir en igualdade de condicións en ámbitos como a intelixencia artificial, o Internet das Cousas ou os servizos dixitais avanzados.
