HONOR volve subir o listón da gama media co lanzamento do HONOR Magic8 Lite, un smartphone que combina unha batería xigante de 7.500 mAh, unha cámara principal de 108 MP con intelixencia artificial e un rendemento solvente baseado en Snapdragon, todo nun corpo lixeiro e especialmente resistente. A marca aposta forte por ofrecer unha experiencia completa sen compromisos nun segmento cada vez máis competitivo.
Un dos grandes argumentos do HONOR Magic8 Lite é a súa durabilidade extrema. O dispositivo convértese no primeiro smartphone en obter a certificación SGS Triple Resistente Premium Performance, que avala a súa resistencia fronte a caídas, auga e po. A isto súmase a certificación SGS 5 estrelas en fiabilidade, que garante supervivencia tras caídas de ata 2,5 metros en determinadas superficies.

HONOR reforzou a estrutura do terminal coa tecnoloxía Ultra-Bounce, baseada nun fluído non newtoniano que absorbe impactos, e cun novo cristal temperado ultrarresistente. O resultado é un móbil pensado para soportar un uso intensivo no día a día, mesmo en contornas pouco amables.
O HONOR Magic8 Lite conta tamén cun sistema de resistencia á auga de tres capas compatible cos estándares IP68 e IP69K, algo pouco habitual na gama media. Isto permítelle resistir inmersións de ata 1,5 metros durante 30 minutos, así como chorros de auga a alta presión e temperaturas elevadas.
Ademais, o terminal está deseñado para seguir funcionando con normalidade baixo a choiva ou mesmo empregando luvas, reforzando a súa orientación práctica e todo terreo.
Batería e fotografía
Outro dos puntos clave deste smartphone é a súa batería de silicio e carbono de 7.500 mAh, unha das máis grandes dispoñibles actualmente no mercado. HONOR fala da “era 8” das baterías, cun salto claro en capacidade e duración sen penalizar o tamaño nin o peso do dispositivo.
Segundo datos da marca, o Magic8 Lite pode ofrecer ata tres días de uso con normalidade, con cifras que chegan ás 49 horas de reprodución de música, máis de 22 horas de vídeo en liña ou case 16 horas de xogo. Ademais, incorpora un algoritmo antienvellecemento que promete manter un bo estado da batería durante ata seis anos.
O conxunto complétase coa carga rápida HONOR SuperCharge de 66 W, que permite recuperar enerxía rapidamente cando é necesario, e cun modo de aforro extremo capaz de manter chamadas mesmo co 2 % de batería.
No apartado fotográfico, HONOR aposta por unha cámara principal ultrasensible de 108 MP, cun sensor de gran tamaño e estabilización OIS e EIS. Esta combinación permite capturar imaxes con gran nivel de detalle, boa xestión da luz e mellor rendemento en escenas nocturnas ou con movemento.
A intelixencia artificial xoga un papel clave, con funcións como a goma de borrar con IA, o recorte intelixente, a expansión de imaxes ou a eliminación de reflexos. Todo isto facilita a edición directamente desde o móbil, sen necesidade de aplicacións externas. Ademais, o sistema HONOR Connection permite transferir fotos en movemento en alta definición incluso a dispositivos iOS.

Pantalla OLED brillante e rendemento equilibrado
O HONOR Magic8 Lite incorpora unha pantalla OLED de 6,79 polgadas con resolución 1,5K, 120 Hz de refresco e compatibilidade con máis de mil millóns de cores. Os marcos ultrafinos permiten acadar unha relación pantalla-corpo do 94,6 %, mellorando a inmersión visual.
Destaca especialmente o seu brillo máximo de ata 6.000 nits, e un amplo conxunto de tecnoloxías de protección ocular, como o atenuado PWM de 3.840 Hz, o modo nocturno circadiano ou a redución de luz azul a nivel de hardware.
No interior, o HONOR Magic8 Lite monta o Snapdragon 6 Gen 4, que ofrece un salto notable en rendemento respecto á xeración anterior, especialmente no apartado gráfico. A mellora da eficiencia enerxética contribúe tamén a sacar partido á gran batería do dispositivo.
A isto súmase a tecnoloxía RAM Turbo, que combina 8 GB de RAM física con ata 8 GB de memoria virtual, acadando unha experiencia equivalente a 16 GB. O resultado é un funcionamento fluído mesmo con multitarefa intensiva, acompañado dun almacenamento interno que pode chegar aos 512 GB.
Dispoñibilidade e prezo
O HONOR Magic8 Lite chega ao mercado a en tres cores —Forest Green, Midnight Black e Reddish Brown— cun prezo de 399 euros para a versión de 256 GB e 429 euros para a de 512 GB.
Como incentivo de lanzamento, HONOR inclúe un bundle exclusivo en tendas como MediaMarkt, El Corte Inglés e HiHONOR, que suma un cargador SuperCharge de 66 W e os HONOR Earbuds Clip, completando unha proposta moi atractiva polo seu prezo.
Co Magic8 Lite, HONOR deixa claro que a gama media xa non ten por que vivir de concesións. Resistencia extrema, autonomía, unha pantalla de alto nivel e unha cámara solvente convérteno nun dos lanzamentos máis interesantes do momento para quen busca un smartphone equilibrado, duradeiro e preparado para todo.
