O Oppo Find X9 Ultra deixa ver o seu deseño traseiro: un móbil que quere ser cámara

O Oppo Find X9 Ultra volve aparecer en escena, desta volta cunhas imaxes que amosan por primeira vez o seu deseño traseiro. E se algo queda claro á primeira ollada é que Oppo non quere pasar desapercibida: este móbil quere parecer unha cámara dixital profesional.

As imaxes non serían fotografías reais do dispositivo, senón renders xerados a partir do deseño final, probablemente con axuda de intelixencia artificial. Aínda así, encaixan perfectamente co que se espera dun Ultra enfocado á fotografía.

Un módulo de cámaras xigante totalmente intencionado

O elemento máis chamativo do Find X9 Ultra é o seu enorme módulo circular de cámaras, que ocupa case todo o ancho da parte traseira. Un deseño moi afastado da discreción e claramente inspirado no mundo das cámaras fotográficas tradicionais.

O panel traseiro parece combinar dous materiais diferentes, unha zona metálica (que podería formar parte dun deseño unibody co marco) e outra cun acabado que lembra ao coiro sintético, pensado non só para a estética, senón tamén para mellorar o agarre cando se usa o móbil para facer fotos.

Segundo a filtración, tamén haberá unha versión máis clásica con traseira de vidro, para quen prefira un acabado máis convencional.

Pantalla de 6,8 polgadas e Snapdragon 8 Elite Gen 5

Na parte frontal, o Oppo Find X9 Ultra apostaría por unha pantalla AMOLED plana de 6,82 polgadas, con resolución QHD+ e taxa de refresco de 120 Hz. Un panel pensado para competir directamente cos mellores do mercado, tanto en calidade de imaxe como en experiencia multimedia.

No apartado de rendemento, non hai sorpresas, apostando polo Snapdragon 8 Elite Gen 5, o chip máis potente de Qualcomm. E completando a listaxe das principais características, atoparíamonos no interior cunha enorme batería de 7.300 mAh, que apunta a unha autonomía moi por riba da media

Configuración das cámaras

Se o deseño xa apunta maneiras, o apartado fotográfico confirma as intencións de Oppo, integrando unha cámara principal con sensor Sony Lytia 901 de 1/1.12″. Xunto a este, un ultra gran angular de 50 MP con sensor Samsung ISOCELL JN5; un telefoto 3x de 200 MP, zoom óptico 3x (Sensor OmniVision de 1/1.28″) e un telefoto 10x de 50 MP, con zoom óptico 10x (Sensor Sony Lytia 600).

Segundo apuntan as filtracións, o extensor telefoto permitiría chegar ata 13,2x a partir do sensor de 200 MP. Unha experiencia que se completaría cunha cámara frontal de 50 MP para autorretratos de calidade.

Con esta combinación, Oppo apostaría non só por impresionar polas especificacións sobre o papel, senón pola versatilidade real, aspirando e redefinir o concepto de “cámara no peto”.

Sobre o autor

Reply