Xa podes transferir a túa SIM a eSIM en Android sen ir á tenda: así funciona a nova opción de Movistar e O2

A transferencia da SIM física a eSIM directamente desde un móbil Android, sen custo, sen códigos QR e sen pasar por unha tenda, xa é unha realidade para a clientela de Movistar e O2. Un avance clave que simplifica a vida das usuarias e que sitúa Android ao mesmo nivel de comodidade que ata agora ofrecía o ecosistema iPhone.

A novidade permite que sexa a propia usuaria quen xestione todo o proceso desde os axustes do dispositivo, de forma segura e integrada no sistema operativo, tanto ao cambiar de móbil como ao dar o salto definitivo da SIM tradicional á eSIM dixital.

Transferir a SIM a eSIM en Android: rápido, seguro e sen intermediarios

Grazas á integración nativa da eSIM en Android, as usuarias de Movistar e O2 poden agora converter a súa SIM física nunha eSIM dixital, mais tamén transferir unha SIM ou eSIM dun Android antigo a un novo mantendo o mesmo número de teléfono e sen interrupcións no servizo.

E todo isto faise posíbel sen empregar apps externas, sen contactar coa operadora e sen desprazarse a unha tenda, algo especialmente útil cando se cambia de dispositivo ou se activa un móbil novo. A experiencia está integrada na configuración inicial de Android, polo que o proceso resulta intuitivo mesmo para as usuarias con menos coñecementos técnicos.

Telefónica convértese así na primeira operadora do Estado en ofrecer esta experiencia nativa de transferencia de eSIM en dispositivos Android. Unha funcionalidade que até o de agora estaba máis avanzado no ecosistema Apple.

Modelos compatíbeis

De momento, esta funcionalidade está dispoñíbel en modelos concretos de Samsung (a partir de One UI 8.0), Xiaomi, OPPO e Motorola (a partir de Android 14). Desde a operadora sinalan que esta listaxe de fabricantes e modelos compatibles irase ampliando nos próximos meses, polo que se espera unha adopción progresiva en boa parte do parte do ecosistema Android.

A eSIM é a evolución natural da tarxeta SIM tradicional. Ao estar integrada no propio dispositivo, elimina a necesidade de tarxetas físicas e achega vantaxes claras, entre elas a activación 100% dixital, unha maior seguridade e a redución do impacto ambiental, ao reducir o uso de plásticos.

A posibilidade de transferir a SIM a eSIM directamente desde Android marca un punto de inflexión na experiencia móbil. Menos dependencia de procesos físicos, máis autonomía para as usuarias e unha integración máis coherente co que xa ofrecen outros ecosistemas.

Sobre o autor

Reply