DIGI volve poñer patas arriba o mercado das telecomunicacións en Europa. A operadora de orixe romanesa acaba de lanzar en Bélxica a súa tarifa de Internet para o fogar máis barata ata a data: conexión 5G con router WiFi 6 por só 7 euros ao mes. Un prezo que parece máis propio dun erro tipográfico ca dunha oferta real, especialmente se temos en conta que se trata dun país cun poder adquisitivo superior ao español.
Iso si, cómpre aclaralo desde o inicio: esta tarifa non está dispoñíbel no noso país, polo menos polo momento. Aínda así, o movemento de DIGI resulta moi significativo e volve abrir o debate sobre canto custa realmente ofrecer internet de calidade nos fogares.
Un golpe enriba da mesa no mercado europeo
Durante anos, as grandes operadoras conseguiron normalizar facturas mensuais de entre 30 e 50 euros por unha conexión doméstica, especialmente cando se lle engaden liñas móbiles ou plataformas de contidos. DIGI leva tempo demostrando que ese modelo non é o único posíbel, primeiro no Estado español coa fibra máis barata do mercado e agora exportando a súa estratexia de baixo custe a outros países europeos.
En Bélxica, a compañía decidiu ir un paso máis alá cunha proposta extremadamente agresiva: Internet fixo mediante 5G por só 7 euros ao mes, un prezo sen precedentes nun mercado dominado por operadores como Proximus, Orange Belgium ou Telenet. Para conseguilo, DIGI asume unha redución drástica das marxes de beneficio, apostando por volume e eficiencia operativa.
Internet fixo sen fibra: así funciona a proposta de DIGI
A clave desta tarifa está na tecnoloxía FWA (Fixed Wireless Access), unha solución que utiliza a rede móbil 5G para ofrecer conexión fixa no fogar. No canto de tirar fibra ata a vivenda, instálase un router 5G con WiFi 6, acompañado dunha antena exterior que debe orientarse cara á torre máis próxima para garantir unha boa cobertura e estabilidade.
Non se trata dunha idea nova —as grandes operadoras xa ofrecen alternativas similares—, pero si resulta sorprendente o prezo ao que DIGI consegue levala. Mentres outras compañías sitúan este tipo de servizos entre os 20 e os 40 euros mensuais, DIGI rompe a barreira psicolóxica dos 10 euros e deixa sen argumentos á competencia.
Un dos usos máis claros desta conexión é o das segundas vivendas, un segmento no que moitas usuarias non están dispostas a asumir cotas elevadas durante todo o ano. En moitos casos, acaban dependendo da tarifa móbil ou compartindo datos desde o teléfono.
Con esta proposta, DIGI ofrece unha alternativa barata e funcional para quen precisa internet ocasional pero estable, reforzando unha estratexia que xa aplicou con éxito noutros mercados: reducir custos ao máximo, aproveitar infraestrutura propia e ofrecer só o esencial.
Chegará aquí?
A gran pregunta é inevitable. Podería chegar unha tarifa así ao Estado español? A nivel técnico, DIGI conta con boa parte dos ingredientes necesarios. A operadora dispón de espectro propio na banda de 3,6 GHz —clave para o despregamento do 5G— e ademais aluga capacidade adicional a Telefónica, a través da súa rede-
Se a compañía decide replicar aquí o modelo belga, podería volver sacudir o mercado, especialmente nun contexto no que a fibra xa está moi estendida pero segue tendo un custo elevado para moitas familias. A viabilidade da FWA a gran escala, demostrada agora en Bélxica, reforza esa posibilidade.
En calquera caso, aínda que esta tarifa de 7 euros non se poida contratar aquí, a mensaxe de DIGI é contundente: ofrecer internet de calidade non ten por que custar 40 euros ao mes. O experimento belga amosa que, con vontade e unha estratexia enfocada á eficiencia, é posíbel reducir prezos sen sacrificar tecnoloxía nin estándares mínimos.
