realme acaba de presentar o P4 Power 5G, o primeiro teléfono móbil producido en masa no mundo cunha batería de 10.001 mAh, unha cifra que marca un antes e un despois na evolución das baterías móbiles e inaugura oficialmente a que xa moitas analistas dan en chamar “a era dos 10.000 mAh”.
Un novo estándar de autonomía
A gran protagonista do realme P4 Power 5G é a súa batería Titan de 10.001 mAh, case o dobre da capacidade habitual dun smartphone convencional. realme consegue este fito grazas ao uso dunha nova química de ánodo de silicio-carbono combinada cunha arquitectura de seguridade avanzada baseada nos sistemas C Pack e F Pack.
O máis sorprendente é que, malia esta enorme capacidade, o dispositivo mantén un perfil relativamente contido, cun grosor de 9,08 mm e un peso de 219 gramos. Un equilibrio pouco habitual entre autonomía extrema e comodidade de uso diario.
Ademáis, a batería Titan non destaca só polos números. O realme P4 Power 5G é o primeiro smartphone de 10.000 mAh en obter a certificación TÜV Five Star Battery Safety, tras superar probas de compresión, sobrecarga, caídas e funcionamento en condicións extremas.

Entre os datos máis chamativos está a súa capacidade de funcionamento estábel en condicións extreamas, entre –30 °C e 56 °C ou os até 1.650 ciclos de carga. Segundo o fabricante, manterá máis do 80 % da saúde da batería tras 8 anos de uso. Un enfoque claramente orientado á lonxevidade real do dispositivo, algo cada vez máis demandado polas usuarias.
A gran capacidade non penaliza tampouco os tempos de carga. O realme P4 Power 5G integra carga rápida de 80 W, acadando o 50 % en só 36 minutos, e carga inversa de 27 W, permitindo usar o móbil como power bank para outros dispositivos.
Máis aló da carga: Dimensity 7400 Ultra e pantalla AMOLED 144 Hz
No apartado de rendemento, o P4 Power 5G aposta polo MediaTek Dimensity 7400 Ultra 5G, un chip pensado para ofrecer eficiencia, xogos fluídos e gravación 4K estable, acompañado dunha experiencia multitarefa sólida.
A pantalla tamén xoga un papel clave, integrando un panel AMOLED HyperGlow 4D Curve, con taxa de refresco de 144 Hz, brillo máximo de 6.500 nits e 1.070 millóns de cores. Un panel pensado para xogar, consumir contido e, sobre todo, para poder usar o móbil ao aire libre sen concesións.
O fabricante tamén aposta pola resistencia, completando a súa folla de especificacións con certificacións como IP69, IP68 e IP66 para a resistencia a auga e pó; ArmorShell Protection para protexelo das caídas e Corning Gorilla Glass na pantalla.
Non dispoñíbel no noso mercado
O realme P4 Power 5G non é só un smartphone con moita batería: é unha declaración de intencións da industria. A chegada dos 10.000 mAh producidos en masa abre a porta a unha nova xeración de móbiles pensados para durar anos sen ansiedade pola carga.
Porén, malia tratarse do modelo máis ambicioso da serie P ata a data, realme confirmou que o dispositivo non estará dispoñible no mercado español.
