Tras confirmarse hai uns días a chegada ao noso país do servizo de telefonía vía satélite de Starlink, o panorama comeza a despexarse. MasOrange e Starlink veñen de facer público un acordo para probar por primeira vez en territorio estatal a tecnoloxía “Direct to Cell”, un sistema que permite conectar directamente os teléfonos móbiles cos satélites, sen necesidade de antenas terrestres.
O proxecto arrincará cun piloto técnico na provincia de Valladolid, converténdose na primeira experiencia real deste tipo no Estado.
Que é o servizo “Direct to Cell” e por que é tan relevante
A tecnoloxía Direct to Cell permite que os satélites de Starlink funcionen como torres de telefonía no espazo. Isto fai posible que un smartphone convencional poida manter conexión mesmo cando desaparece por completo a cobertura terrestre.
Na práctica, o móbil cambia automaticamente á rede satelital de Starlink cando non hai sinal das antenas tradicionais, sen que as usuarias teñan que facer nada. O proceso é transparente e continuo, garantindo conectividade en lugares ou momentos onde ata o de agora era imposible.
Este avance é especialmente relevante para zonas rurais e illadas, áreas de montaña, contornas costeiras e espazos naturais. Mais tamén para situacións de emerxencia, como puido ter sido o apagón ou as inundacións da dana de Valencia, onde as instalacións terrestres víronse comprometidas.
Datos e mensaxería antes do lanzamento
Durante este piloto que desenvolverá MasOrange, as usuarias poderán acceder a servizos básicos de conectividade, incluíndo o envío e recepción de SMS e MMS ou o uso de datos móbiles para aplicacións como WhatsApp ou Google Maps. Isto abre a porta a un novo escenario no que a falta de cobertura xa non implica quedar incomunicadas, algo clave tanto para o uso persoal como profesional.
O piloto de Direct to Cell foi aprobado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais e utilizará parte do espectro de frecuencias asignado a MasOrange, o que garante a súa viabilidade técnica e legal.
A rede móbil terrestre de MasOrange combinarase coa constelación de satélites de Starlink para ofrecer unha solución híbrida, máis robusta e eficiente. Unha integración que permite, segundo apunta a operadora laranxa, enriquecer a conectividade existente sen substituíla, sumando ambas tecnoloxías.
O funcionamento será, como avanzamos, transparente: cando o móbil perda a cobertura convencional, pasará automaticamente á rede satelital, mantendo o acceso a datos e mensaxería. Todo sucede en segundo plano, sen configuracións adicionais nin cambios para as usuarias.
Un paso clave cara á conectividade total no Estado
A chegada de Direct to Cell ao Estado, aínda que de momento en fase piloto, marca un antes e un despois na forma de entender a conectividade móbil. A posibilidade de manter comunicación básica en calquera lugar supón unha mellora clara en seguridade, accesibilidade e cohesión territorial.
Se os resultados son positivos, este proxecto podería sentar as bases para unha futura expansión do servizo, beneficiando tamén a zonas de Galiza onde a cobertura segue a ser limitada en zonas de montaña, e onde MasOrange ten unha forte presenza a través da súa marca R.
