As chamadas comerciais non desexadas levan anos sendo unha das maiores molestias para quen usa móbil no día a día. Agora, o Goberno do Estado quere poñer orde cunha nova medida: todas as chamadas comerciais deberán comezar polo prefixo 400, o que permitirá identificalas ao instante e filtralas con facilidade.
A proposta busca diferenciar dun xeito definitivo as chamadas de venda das comunicacións lexítimas de atención ao cliente, algo que na actualidade resulta engorroso e pouco efectivo.
Prefixo 400: a nova identificación de chamadas comerciais
Cando a medida entre en vigor, todas as empresas estarán obrigadas a empregar números que comecen por 400 para realizar chamadas comerciais. Isto permitirá que, ao ver o número na pantalla, as usuarias poidan identificar inmediatamente que se trata dunha chamada de venda ou promoción.
Na práctica, os números terán o formato 400 XXX XXX, o que ademais de facilitar a súa identificación, tamén permite aplicar filtros automáticos nos móbiles para bloquealas.
Ata agora, a meirande parte das chamadas spam chegan desde números aparentemente normais (fixos, móbiles ou mesmo os 800/900), polo que era imposible saber de que se trataba antes de responder.
Bloqueos e sancións para as empresas que non cumpran
A normativa será obrigatoria. As empresas que non utilicen o prefixo 400 para realizar chamadas comerciais poderán ser sancionadas e, ademais, os operadores poderán bloquear os seus números por uso indebido.
Co novo sistema, o goberno quere diferenciar entre as chamadas comerciais ou de venda, co novo prefixo 400, e os servizos de atención ao cliente, que poderán seguir empregando os prefixos 800, 900 e números fixos xeográficos
O obxectivo é reducir drasticamente as chamadas comerciais invasivas, especialmente as que chegan en horarios molestos ou sen consentimento previo.
Calendario para a posta en marcha
O Goberno xa iniciou o proceso regulatorio, que inclúe audiencia pública, alegacións dos operadores e informe da CNMC. Se se cumpren os prazos habituais, a previsión é que a norma entre en vigor no verán de 2026, tras a súa publicación oficial no BOE.
A medida supón un avance importante, pero non garante por completo o fin das chamadas comerciais non desexadas. Experiencias anteriores demostran que algunhas empresas buscan formas de esquivar a normativa, polo que o éxito dependerá tamén do control e da aplicación efectiva das sancións.
