Os POCO X8 Pro e POCO X8 Pro Max volveron ser protagonistas antes da súa presentación oficial. Nesta ocasión non foi unha filtración habitual, senón un erro na web oficial de POCO en Bélxica que revelou accidentalmente os prezos dos dous dispositivos. A información foi retirada rapidamente, pero xa era demasiado tarde: Internet gardou os datos.
Segundo a publicación accidental, o POCO X8 Pro chegará con varias configuracións de memoria e almacenamento:
- 8 + 256 GB por 399,90 €
- 8 + 512 GB por 449,90 €
- 12 + 512 GB por 479,90 €
O modelo superior, o POCO X8 Pro Max, situarase un chanzo por riba, estando dispoñíbel con 12 GB e versións de 256 GB (529,90 €) e 512 GB (579,90 €).
Un posicionamento claramente competitivo dentro da gama media premium, mantendo a estratexia habitual de POCO de ofrecer moita potencia a prezos máis accesíbeis. Ademais, ambos modelos estarán dispoñíbeis en tres cores.
Especificacións técnicas: que podemos agardar
Aínda que o erro non revelou características completas, diferentes filtracións apuntan a que os novos POCO serán versións renomeadas dos Redmi Turbo 5 e Turbo 5 Max. De se confirmar esta información, xa saberíamos cales serán as súas principais características.
Así, o POCO X8 Pro montaría unha pantalla AMOLED de 6,59 polgadas con resolución 1268 × 2756 px, taxa de refresco 120 Hz e un brillo pico de 3.500 nits. No interior teríamos un procesador MediaTek Dimensity 8500 e unha batería de 6500 mAh con carga rápida de 100 W. A cámara principal sería de 50 MP con OIS, cun sensor ultra gran angular 8 MP e cámara frontal 20 MP.
Pola súa banda, o POCO X8 Pro Max subiría até unha pantalla AMOLED de 6,83 polgadas, coas mesmas caracterísitcas de resolución, frecuencia e brillo cá versión base. O procesador sería un MediaTek Dimensity 9500s, e a batería de 8.500 mAh, tamén con carga rápida 100 W. O sistema de cámaras sería o mesmo.
Se estas especificacións se confirman, POCO estaría a reforzar dous aspectos clave: autonomía e potencia. Especialmente destaca a batería do X8 Pro Max, que podería converterse nun dos smartphones con maior capacidade do mercado.
Lanzamento e posicionamento no mercado
POCO aínda non anunciou oficialmente a data de presentación, pero a publicación accidental dos prezos suxire que o lanzamento podería estar moi próximo. De confirmarse, os X8 Pro competirían directamente con modelos de gama media-alta de Xiaomi, realme, Samsung e OnePlus que se comercializan actualmente no Estado.
A marca mantén así a súa estratexia: ofrecer especificacións próximas á gama alta a prezos máis accesíbeis, un enfoque que lle funcionou especialmente ben nos últimos anos.
