Samsung xa fixou data oficial. O Galaxy Unpacked 2026 celebrarase o 25 de febreiro ás 19.00h, e será o evento no que a compañía presentará a nova xeración de smartphones premium, a familia Galaxy S26. Tras semanas de filtracións e pistas, a marca confirmou finalmente o calendario e abriu o rexistro previo cunha serie de vantaxes para quen teña pensado cambiar de móbil.
A intelixencia artificial, a cámara e a experiencia diaria das usuarias serán os piares principais dun lanzamento que marcará o rumbo da gama alta Android este ano.
Co foco posto na IA
Samsung definiu o Galaxy Unpacked como o escenario onde veremos “a próxima xeración Galaxy”, cun discurso centrado en como a intelixencia artificial fará que o smartphone sexa máis útil sen necesidade de configuración constante.
Todo apunta a que a serie Galaxy S26 apostará non tanto por ser unha revolución de hardware, senón polas melloras en intelixencia artificial. Ademais, tamén se esperan novidades en fotografía en condicións difíciles e captura nocturna, un campo no que a marca foi avanzando pistas nos últimos meses.
Vantaxes por rexistrarse antes do Galaxy S26
Ademais de facer o anuncio oficial da data de presentación, Samsung abriu o rexistro previo ao evento e non é só unha inscrición informativa. Quen se rexistre poderá acceder a beneficios exclusivos:
- Participación no sorteo dunha viaxe a Corea para dúas persoas (7 días, valorada en 3.000 €)
- Posibilidade de duplicar o almacenamento aforrando ata 200 €
- Desconto exclusivo adicional mediante cupón enviado por email
Estas promocións adoitan formar parte da campaña de reserva anticipada, polo que poden marcar a diferenza no prezo final do dispositivo.
