Vodafone comezou a comercializar a súa nova fibra de ata 10 Gbps simétricos, rompendo o duopolio que até o de agora mantiñan Digi e Orange. Porén, a operadora británica chega cunha diferenza clave: polo momento, este servizo está dispoñíbel só para empresas e administracións públicas.
Fibra 10 Gbps: nova fase da conectividade ultrarrápida
A proposta de Vodafone baséase na tecnoloxía XGS-PON, que permite conexións de fibra óptica con velocidades simétricas de até 10 Gbps, pensadas para contornas onde a transferencia masiva de datos, a baixa latencia e a estabilidade son críticas.
O servizo xa fora anunciado meses atrás en varias cidades, pero é agora cando comeza a súa comercialización real. Con este movemento, Vodafone adiántase a Movistar, que continúa en fase de probas con esta tecnoloxía e cuxo anuncio de novas velocidades semella inminente.
De momento, só para empresas
A diferenza do que fixeron Digi e Orange, Vodafone limita por agora esta conectividade ao segmento profesional. Grandes empresas, industria, sanidade, universidades ou administracións públicas son as destinatarias principais.
Este enfoque non é novo para a operadora, e lembra ao que está a ocorrer co 5G SA (Stand Alone ou 5G+), a versión máis avanzada do 5G. Aínda que a tecnoloxía xa está dispoñíbel na compañía, Vodafone está a ofrecela principalmente en contornas industriais e redes privadas, pero non ao público xeral.
Polo momento, Vodafone non confirmou plans para levar esta velocidade ao mercado residencial, polo que as usuarias particulares deberán seguir esperando. En calquera caso, as conexións desta capacidade non están pensadas para o uso doméstico habitual, senón para escenarios onde a rede é unha peza crítica da operativa. Contornas nas que a estabilidade, a latencia mínima e o ancho de banda marcan a diferenza.
