Google confirmou oficialmente que o seu evento anual para desenvolvedoras, o Google I/O 2026, celebrarase os días 19 e 20 de maio. A cita terá formato híbrido e reunirá as principais novidades da compañía, cun foco claro: os avances máis recentes en intelixencia artificial.
Como vén sendo habitual nos últimos anos, o evento desenvolverase no Shoreline Amphitheatre de California e arrancará coa keynote inaugural na mañá do 19 de maio, onde Google adoita marcar o rumbo tecnolóxico do ano.
IA, Gemini, Android e o ecosistema Google
Google xa adiantou que durante o I/O 2026 veremos novidades en toda a súa plataforma: desde Gemini ata Android, pasando por Search, Chrome, Workspace e os dispositivos Pixel. Todo apunta a que será un evento fortemente centrado na IA, seguindo a liña marcada na edición anterior, onde a compañía ampliou o modo AI no buscador e presentou novas ferramentas creativas baseadas en intelixencia artificial.
Como é habitual, o Google I/O incluirá demostracións de produto, charlas técnicas, encontros con enxeñeiras e sesións para desenvolvedoras. Ademais, Google lanzou tamén na súa web a súa tradicional experiencia interactiva con minixogos creados con Gemini para “gardar a data”, anticipando o protagonismo da IA neste 2026.
Un evento clave para entender cara onde vai Android
Para quen segue o ecosistema Android, o Google I/O adoita marcar as liñas mestras do futuro do sistema operativo e dos servizos da compañía. A expansión da intelixencia artificial en todo o ecosistema Google non só continúa, senón que se acelera.
Todo indica que a IA deixará de ser unha función illada para converterse no centro da experiencia dixital. E maio será o momento de comprobalo.
