O novo Google Pixel 10a xa é oficial e chega cunha idea clara: democratizar a intelixencia artificial sen disparar o prezo. Google mantén a esencia da serie A, centrada na experiencia limpa e cámara, pero reforza dous piares clave neste 2026: fotografía computacional e IA con Gemini.
Non é unha revolución total, pero si unha evolución moi intelixente que apunta a converter o Pixel 10a nun dos móbiles máis recomendables da gama media-alta.
Deseño refinado e pantalla máis brillante ca nunca
O Pixel 10a continúa coa linguaxe de deseño “Smooth” da marca, cunha traseira plana e a icónica barra de cámaras integrada sen sobresair. O resultado é un teléfono máis equilibrado, que descansa completamente plano e transmite sensación de robustez.
Google apostou forte pola sustentabilidade: o marco é de aluminio 100% reciclado e a traseira ten acabado mate suave ao tacto. A resistencia está garantida con certificación IP68 contra auga e po, ademais do novo cristal Corning Gorilla Glass 7i, máis resistente a golpes e riscos.
A pantalla convértese nun dos grandes argumentos do dispositivo. Monta un panel OLED Actua de 6,3 polgadas con resolución Full HD+, taxa de refresco adaptativa de 60 a 120 Hz e un brillo pico de ata 3.000 nits, para ofrecer unha visión perfecta mesmo a plena luz do sol.
Tensor G4 e fotografía Pixel
No interior atopamos o procesador Google Tensor G4 acompañado do coprocesador de seguridade Titan M2. Non é o chip máis novo da marca, pero ofrece rendemento fluído e, sobre todo, potencia todas as funcións de IA que definen a experiencia Pixel.
Chega con 8 GB de RAM e almacenamento de 128 ou 256 GB, suficiente para un uso intensivo durante anos. Pero onde realmente destaca é na autonomía: a batería de 5.100 mAh promete máis de 30 horas de uso normal e ata 120 horas co modo Aforro Extremo. Ademais, a carga rápida permite recuperar o 50% en arredor de 30 minutos e inclúe carga sen fíos Qi.
A cámara segue sendo o gran reclamo da serie Pixel. O Pixel 10a aposta por un sistema dual cun sensor principal de 48 MP con estabilización óptica e un ultra gran angular de 13 MP. Sobre o papel é sólido, pero o verdadeiro diferencial está no software e na fotografía computacional.
Entre as novidades destaca “Inclúeme”, que permite que quen fai a foto tamén apareza nela combinando dúas tomas automaticamente. O novo Asistente de Cámara, baseado en Gemini, guía en tempo real sobre encadre, iluminación e composición.
Non faltan clásicos da casa como Borrador Máxico de Audio, Real Tone para tons de pel máis precisos ou Auto Best Take, que escolle automaticamente a mellor expresión de cada persoa nunha foto de grupo.
Gemini e Android 16: a IA no centro da experiencia
O Pixel 10a chega con Android 16 e a nova interface Material 3 Expressive, pero o verdadeiro protagonista é Gemini. A IA está integrada en todo o sistema: podemos conversar con Gemini Live, buscar información en pantalla con Circle to Search ou organizar tarefas conectando coas apps de Google. A intelixencia artificial deixa de ser un extra para converterse nunha ferramenta diaria.
Google tamén reforza a lonxevidade do dispositivo: 7 anos de actualizacións de sistema, seguridade e Pixel Drops, algo case único nesta gama. Ademais, por primeira vez nun Pixel A, inclúese SOS por satélite para emerxencias sen cobertura.
Conectividade, resistencia e extras
O Pixel 10a non se queda curto en conectividade: Wi-Fi 7, Bluetooth 6, altofalantes estéreo e certificación IP68. Todo nun corpo compacto de 183 gramos e 9 mm de grosor.
É un teléfono pensado para durar, tanto por soporte de software como por resistencia física, algo cada vez máis valorado polas usuarias..
Dispoñibilidade e prezo
O Pixel 10a estará dispoñible oficialmente desde o 5 de marzo de 2026, cun prezo que parte dos 549 euros. Chegará en catro cores: Lavanda, Frambuesa, Gris Néboa e Obsidiana.
Google tamén presentou os novos Pixel Buds 2a en cores a xogo, completando o ecosistema Pixel para a gama media.
Co novo Pixel 10a, Google non busca romper co pasado, senón perfeccionar unha fórmula que leva anos funcionando: boa cámara, software limpo, moita IA e soporte a longo prazo. Non é o Pixel máis potente nin o máis espectacular, pero probablemente sexa un dos máis equilibrados de 2026.
