O Vivo V70 xa é unha realidade. A marca chinesa volve apostar pola fotografía como principal reclamo nun smartphone que non pretende competir cos “Ultra” máis caros, pero si ofrecer unha experiencia premium en cámara, deseño e autonomía. O novo modelo chega con cámaras co-desenvolvidas con Zeiss, batería de 6.500 mAh e carga rápida de 90W, situándose como unha das propostas máis interesantes da gama media-alta en 2026.
Cámaras Zeiss e Super Telephoto
Vivo deixa clara a súa prioridade no aspecto fotográfico. O sistema volve estar co-desenvolvido con Zeiss, reforzando unha colaboración que xa é selo de identidade da marca. O sensor principal é un 50 MP de gran tamaño (1/1.56”) con estabilización óptica (OIS), pensado para ofrecer máis luz, mellor rango dinámico e fotografías máis nítidas en condicións complicadas.
Porén, o gran atractivo é a Super Telephoto Camera dedicada. Trátase dun sensor “ultra-sensing” de 1/1.95” con lente periscópica real e zoom optimizado con IA. Isto permite fotografía 10x mellorada para concertos e escenarios e modos retrato 85 mm con distintos estilos bokeh. Segundo a marca, os algoritmos de IA permiten capturar fotos de escenario máis nítidas mesmo con pouca luz, algo especialmente interesante para concertos ou eventos nocturnos.
A cámara frontal tamén sorprende. Trátase dun sensor de 50 MP con autofocus, unha cifra pouco habitual mesmo en modelos máis caros. Completa o conxunto un ultra gran angular de 8 MP.
Entre as funcións software vencelladas á intelixencia artificia atopamos ferramentas como AI Stage Mode, AI Magic Weather (para modificar ceos nubrados) e ferramentas para edición avanzada baseada en IA.
Pantalla OLED 1.5K e Snapdragon 7 Gen 4
En termos de deseño, o Vivo V70 inclúe un marco de aluminio de grao aeroespacial, con esquinas redondeadas, módulo de cámara metálico e discreto, e unha parte traseira resistente a pegadas e arañazos. En resistencia, ofrece certificación IP68 e IP69 contra po e auga, e protección fronte a caídas de ata 1,8 metros.
Conta na parte dianteira cunha pantalla Ultra Clear OLED de 6,59 polgadas con resolución 1.5K, taxa de refresco de 120 Hz, 459 ppi de densidade e marcos ultrafinos de 1,25 mm. Inclúe tamén sensor de pegadas ultrasónico 3D, que funciona mesmo cos dedos mollados, un detalle práctico no día a día.
No interior atopamos o procesador Snapdragon 7 Gen 4 de Qualcomm, acompañado dun sistema de refrixeración de cámara de vapor de 4.200 mm² (a maior da serie V até a data), que se completa con diversas configuracións de RAM e almacenamento interno.
Outro dos puntos fortes é a autonomía. O Vivo V70 incorpora unha batería de 6.500 mAh, pensada para superar o día completo de uso esixente. Admite carga rápida por cable de 90W, capaz de recuperar arredor dun 30-40% en poucos minutos.

En canto a software, o Vivo V70 chega con OriginOS 6, que introduce a chamada “Origin Island”, unha cápsula dinámica na parte superior da pantalla para notificacións e información contextual. A nivel de intelixencia artificial incorpora funcións como AI Search, AI Creation para escritura, AI Captions con transcrición e tradución en tempo real e asistente baseado en Gemini para interacción natural.
Ademais, inclúe Private Space, un espazo illado para apps e datos sensibles, e soporte de 6 anos e actualizacións de seguridade e 4 de actualizacións de sistema.
Dispoñibilidade e prezo
O Vivo V70 estará dispoñíbel en 5 acabados: Alpine Gray (gris), Sandalwood Brown (marrón), Canary Yellow (amarelo), Authentic Black (negro) e Sunset Glow (con efecto dinámico de brillo).
Polo momento, Vivo non fixo oficial o prezo final do Vivo V70, se ben confirmou a súa dispoñibilidade no mercado europeo, ademais de no Sudeste Asiático e Oriente Medio.
