HONOR presentará o seu primeiro robot humanoide no MWC 2026: a gran sorpresa de Barcelona

Honor ten todo preparado para o Mobile World Congress de Barcelona, que abrirá as portas a semana que vén. Por, este ano, o gran titular da marca non será un móbil encartábel, senón algo moito máis ambicioso. E é que Honor presentará oficialmente o seu primeiro robot humanoide.

O anuncio non é unha simple excentricidade. Forma parte do chamado “Alpha Plan”, a folla de ruta estratéxica que HONOR presentou o ano pasado para evolucionar cara a un ecosistema onde a IA non só vive no teléfono, senón que interactúa activamente coas usuarias

A diferenza dos modelos de linguaxe como ChatGPT ou Gemini, que se adestran procesando grandes volumes de texto, un robot humanoide debe interpretar o mundo físico en tempo real: movemento, equilibrio, interacción con obxectos e persoas. O reto é moito maior.

Honor aposta por unha sinerxia entre seres humanos e máquinas, onde a robótica e a IA convivan no día a día, abrindo a porta a aplicacións domésticas, industriais ou profesionais que ata agora parecían ciencia ficción.

Un MWC que xa non é só de móbiles

Houbo un tempo no que o Mobile World Congress era unha feira exclusivamente de teléfonos. Ese tempo quedou atrás. Hoxe é o gran escaparate da tecnoloxía global, e o robot humanoide de Honor simboliza esa transición.

A compañía xa confirmara a súa presenza en Barcelona con varios dispositivos, pero gardaba esta carta baixo a manga. O robot promete converterse na gran estrela do evento e atraer todos os focos mediáticos.

En calquera caso, e aínda que o robot humanoide será o protagonista, Honor tamén reforzará o seu catálogo de dispositivos co Honor Magic V6, o novo buque insignia encartábel, centrado en autonomía e rendemento; a Honor MagicPad 4, unha tablet que promete elevar o nivel en produtividade; e o Honor MagicBook Pro 14, un portátil ultrafino con forte integración de funcións baseadas en IA.

Sobre o autor

Reply