Remataron as esperas. Samsung presentou oficialmente a nova familia Galaxy S26, composta polos Galaxy S26, Galaxy S26+ e Galaxy S26 Ultra. A terceira xeración de smartphones con Galaxy AI marca un salto claro en integración de intelixencia artificial, potencia bruta e protección da privacidade, cun enfoque moi definido: facer que o teléfono traballe en segundo plano mentres o usuario se centra no resultado.
A serie chega con Android 16 baixo One UI 8.5 e promete sete anos de actualizacións de seguridade, consolidando o compromiso da marca coa durabilidade que vén aplicando nas últimas xeracións.
Galaxy S26 Ultra: o máis potente e avanzado ata a data
Como xa sabiamos, o Galaxy S26 Ultra é o modelo estrela e introduce innovacións únicas dentro do mercado móbil. Se ben apreciamos certas trazas de continuísmo, as novidades chegan en todos os ámbitos, xustificando o lanzamento dunha nova xeración.
O dispositivo principal da serie integra un panel Dynamic AMOLED 2X de 6,9 polgadas con resolución QHD+, taxa de refresco adaptativa de 1 a 120 Hz e tecnoloxía Vision Booster. A gran novidade é a primeira Pantalla de Privacidade integrada nun smartphone, capaz de limitar a visibilidade lateral cando se activa sen comprometer brillo nin calidade frontal.
No seu interior atopamos o Snapdragon 8 Elite Gen 5 for Galaxy, un chipset personalizado que ofrece un 19% máis de mellora en CPU, un 39% máis en NPU (clave para Galaxy AI sempre activa) e un 24% en GPU. Ademais, a cámara de vapor redeseñada mellora a disipación térmica durante xogos, multitarefa e gravación en alta resolución.

Está dispoñible en tres configuracións de memoria: 12 GB + 256 GB, 12 GB + 512 GB e 16 GB + 1 TB, para que necesita moito almacenamento.
O sistema fotográfico é un dos máis ambiciosos do mercado, e está formado na cámara principal por catro sensores. O principal é un sensor de 200 MP gran angular (f/1.4), que vén acompañado dun de 50 MP ultra gran angular (f/1.9), outro de 50 MP teleobjetivo con zoom óptico 5x (f/2.9) e un de 10 MP teleobjetivo 3x (f/2.4). Na parte frontal temos un sensor de 12 MP.

Inclúe melloras en Nightography, modo Superestable con bloqueo horizontal e compatibilidade co códec profesional APV para vídeo con calidade visualmente sen perdas.
En canto á autonomía, Samsung amósase menos ambicioso que o que estamos ver ultimamente coas marcas chinesas, e mantén a capacidade nos 5000 mAh. A carga sube até os 60 W, o que permite cargar o 75% da capacidade en 30 minutos. Tamén inclúe carga rápida sen fíos e Wireless PowerShare para cargar outros dispositivos.
Galaxy S26 e Galaxy S26+: equilibrio entre tamaño e potencia
Os modelos S26 e S26+ comparten filosofía pero diferéncianse en tamaño e batería. O Galaxy S26 monta un panel de 6,3 polgadas FHD+, mentres que o S26+ sobe a 6,7 polgadas QHD+. ambos con Dynamic AMOLED 2X e refresco adaptativo de 120 Hz. As baterías son de 4.300 mAh con carga de 25W e de 4.900 ,Ah con carga de 45W, respectivamente.
No apartado fotográfico temos un sistema idéntico en ambos: 3 cámaras traseiras (50 MP + 12 MP ultra gran angular + 10 MP teleobxectivo 3x) e unha cámara frontal de 12 MP.

Toda a gama, incluído tamén o Galaxy S26 Ultra, ofrece 5G, Wi-Fi 7, Bluetooth (6.0 no Ultra e S26+), certificación IP68 e compatibilidade con eSIM segundo mercado.
Galaxy AI: máis proactiva e natural
A nova xeración de Galaxy AI integra funcións como Now Nudge e Now Brief para ofrecer suxestións contextuais. Mellórase Circle to Search con recoñecemento multiobxecto e incorpóranse axentes como Bixby, Gemini e Perplexity AI.
A edición fotográfica permite describir cambios en linguaxe natural, modificar escenas, restaurar elementos ou cambiar roupa mediante IA xerativa.
No apartado da seguridade, a serie está protexida por Samsung Knox, con cifrado a nivel de chip, Knox Vault e protección post-cuántica en procesos críticos. A nova Pantalla de Privacidade do Ultra reforza a seguridade visual en espazos públicos.
Cores e dispoñibilidade
A precompra da Samsung Galaxy S26 series xa está dispoñible en España e manterase activa ata o 10 de marzo exclusivamente a través de Samsung.com e da aplicación Samsung Shop App. Durante este período, as usuarias poden acceder a vantaxes especiais pensadas para o canal en liña, incluíndo cores exclusivas (Oro Rosa e Gris Plata) que non estarán dispoñibles en tendas físicas.
Ademais dos descontos directos por configuración e programa de entrega de dispositivo antigo (Trade-In), Samsung engade incentivos adicionais segundo o método de pago: ata 100 € extra abonando con Bizum ou Samsung Pay, así como un 5 % adicional na Samsung Shop App empregando o código promocional correspondente. Tamén se ofrece financiamento a 36 meses sen xuros, facilitando o acceso á nova xeración Galaxy con cotas mensuais reducidas.
Como valor engadido, quen merque un Galaxy S26 Series ata o 31 de marzo recibirá tres meses gratuítos de Samsung Care+, o servizo oficial de protección da marca. A campaña complétase con accións especiais como eventos de Live Shopping con ofertas exclusivas e promocións adicionais para ampliar o ecosistema con novos accesorios.
En calquera caso, os prezos oficiais e promocionais son os que seguen:
| Galaxy S26 Ultra 1TB | 1.949,00 | 1.749,00 € |
| Galaxy S26 Ultra 512GB | 1.649,00 | 1.449,00 € |
| Galaxy S26 Ultra 256GB | 1.449,00 | 1.449,00 € |
| Galaxy S26+ 512GB | 1.499,00 | 1.249,00 € |
| Galaxy S26+ 256GB | 1.249,00 | 1.249,00 € |
| Galaxy S26 512GB | 1.199,00 | 999,00 € |
| Galaxy S26 256GB | 999,00 € | 999,00 € |
