A integración entre móbil e PC está a dar un novo paso adiante. WhatsApp para Android podería recibir en breve compatibilidade coa función Resume de Windows 11, unha característica que permitiría retomar conversas ou chamadas directamente no ordenador xusto onde se deixaron no teléfono.
A novidade aínda non está activa para todas as usuarias, pero xa aparecen indicios nas versións de proba do sistema operativo de Microsoft.
Que é a función Resume de Windows 11?
Microsoft presentou o ano pasado a función Resume como parte da súa estratexia de integración multidispositivo. O obxectivo é permitir que unha actividade iniciada nun dispositivo poida continuar noutro sen interrupcións.
Inicialmente, a función comezou sendo compatible con servizos como OneDrive e máis tarde ampliouse a aplicacións como Office, Edge ou Spotify nas builds preliminares do sistema. Agora, todo apunta a que WhatsApp será a seguinte gran aplicación en sumarse á lista.
Segundo diversas usuarias, nas opcións de configuración de Windows 11 xa aparece a posibilidade de activar Resume para WhatsApp en Android, aínda que polo momento o interruptor non produce ningún efecto visible. Isto indica que a función segue en desenvolvemento interno.
As hipóteses sobre o seu posíbel funcionamento apuntan a que unha das posibilidades é que Windows 11 permita reabrir directamente a última conversa activa sen necesidade de navegar manualmente pola aplicación de escritorio. Outra opción sería a transferencia case instantánea de chamadas de voz ou vídeo entre o móbil Android e o PC, reducindo interrupcións e mellorando a experiencia de continuidade entre dispositivos.
De confirmarse, esta integración afondaría na idea de ecosistema conectado, onde o salto entre teléfono e ordenador sexa practicamente transparente para as usuarias
Un paso máis na integración Android-Windows
A relación entre Android e Windows foi fortalecéndose nos últimos anos, especialmente coa aplicación Phone Link e outras ferramentas de sincronización. A chegada de Resume a WhatsApp encaixa nesta folla de ruta de maior integración.
Para millóns de usuarias que empregan WhatsApp como ferramenta principal de comunicación persoal e profesional, poder retomar chats ou chamadas sen fricción podería supoñer unha mellora significativa na produtividade.
En calquera caso, polo momento non existe unha data confirmada para a activación pública da función. Podería chegar nunha actualización trimestral de Windows 11 ou quedar limitada ás versións de proba durante máis tempo.
