A gama alta está máis saturada ca nunca. Todos os fabricantes prometen o mesmo: mellor pantalla, máis potencia, IA, cámaras profesionais e carga ultrarrápida. Por iso resulta quizais de máis interese cando unha marca decide facer algo distinto. E iso é exactamente o que intenta realme co seu GT 8 Pro.
Despois de varias semanas usándoo como móbil principal, a sensación é clara: estamos ante un auténtico flagship, pero tamén ante un terminal que toma decisións valentes que non sempre xogan ao seu favor. Imos por partes.
Deseño e acabados
Non cabe dúbida de que o primeiro -e principal- que chama a atención deste móbil é o seu módulo de cámaras intercambiable. Nun mercado onde todo está selado e pegado, realme aposta por un sistema decorativo que se pode retirar cun pequeno desaparafusador incluído na caixa. A idea é permitir personalizar o aspecto do móbil, alternando entre módulos redondos ou cadrados.
É diferente. É atrevido. E chama a atención.

Sen módulo, o GT 8 Pro amosa unha estética case industrial, moi tecnolóxica, que rompe co habitual. Con módulo, convértese nun gama alta máis clásico. O problema é que, pasado o efecto sorpresa, a maioría de usuarias probablemente non o cambiará con frecuencia. Non afecta á ergonomía nin á experiencia real de uso, polo que queda como un detalle curioso máis ca decisivo.
En man é un móbil grande e de apariencia robusta. Non é incómodo, pero tampouco discreto. A parte traseira en acabado mate é agradable ao tacto e resiste ben as pegadas, mentres que o marco metálico transmite sensación premium. A distribución do peso está ben equilibrada, algo importante nun dispositivo que destaca pola súa batería de gran capacidade. En resumo, estamos a falar dun deseño diferencial, pero non revolucionario.

A botoneira sitúase, como na meirande parte dos dispositivos, no lateral dereito. Na parte superior temos os controis de volume e, por baixo, o botón de acendido. Na parte inferior atopamos a banxeda da SIM extraíbel, ademais do conector USB-C e os diferentes micrófonos e altofalantes. Unha configuración habitual e ao tempo cómoda.
Hardware e rendemento:
No interior late o Snapdragon 8 Elite Gen 5, fabricado en 3 nanómetros e acompañado por ata 16 GB de RAM e almacenamento UFS 4.x. Dito con poucas palabras, é unha besta.
No día a día todo é inmediato. Aplicacións que se abren ao instante, multitarefa fluída, edición de vídeo 4K sen esforzo e xogos esixentes funcionando con soltura. En probas sintéticas sitúase entre os procesadores máis potentes do ecosistema Android actual.

Agora ben, baixo cargas prolongadas aparece o “pero” máis habitual ao que se afrontan os gamas altas actuais: a xestión térmica. Tras sesións longas de xogo, o terminal tende a quentarse e reduce rendemento para manter temperaturas seguras. Non afecta ao uso habitual, pero si pode notarse en partidas longas onde a estabilidade de fotogramas non é perfecta.
Pantalla
A parte frontal está dominada por un panel AMOLED LTPO de case 6,8 polgadas con resolución 2K e taxa de refresco de ata 144 Hz. A decisión de apostar por unha pantalla totalmente plana é un acerto. Sen curvas incómodas, sen toques pantasma e cunha experiencia máis práctica.
A calidade é sobresaínte: nitidez altísima, cores vibrantes pero configurables, excelente visibilidade en exteriores e un brillo que non decepciona nin baixo sol directo. A tecnoloxía LTPO permite adaptar a frecuencia entre 1 e 144 Hz segundo o contido, mellorando eficiencia.
Os 144 Hz son máis un argumento comercial ca unha revolución real. Na práctica, a maioría de apps móvense a 120 Hz, e só algúns xogos compatibles aproveitan o máximo. Aínda así, a sensación de fluidez é impecable.
Mención especial para o lector de pegadas ultrasónico baixo pantalla, que nas práctica resultou ser rápido e fiable, mesmo con mans húmidas.
Cámara
O sistema traseiro combina tres sensores: principal de 50 MP con estabilización óptica, ultra grande angular de 50 MP e un teleobxectivo periscópico de 200 MP.

A colaboración estética con Ricoh materialízase nun modo específico con perfís de cor inspirados nas súas cámaras GR. Son atractivos, especialmente para fotografía urbana en branco e negro de alto contraste. Porén, trátase sobre todo dun enfoque de software e filtros, non dunha integración profunda a nivel óptico.
A cámara principal ofrece resultados moi sólidos: boa nitidez, rango dinámico amplo e cores agradables. En condicións nocturnas deféndese con solvencia. Non chega ao nivel dos sensores de unha polgada que montan algúns rivais, pero cumpre con nota alta.
O teleobxectivo de 200 MP é probablemente o elemento máis divertido do conxunto. O zoom 3x óptico e 6x mediante recorte interno manteñen moito detalle e permiten xogar coa composición a distancia. Aquí realme fixo un bo traballo. O ultra grande angular é o punto máis feble. Cumpre, pero queda por detrás en consistencia e non integra autoenfoque, o que limita posibilidades macro.
En vídeo, a calidade é boa, con estabilización correcta, aínda que non lidera o segmento.
Software
O GT 8 Pro chega con Android 16 baixo realme UI 7. A experiencia é rápida, visualmente coidada e moi personalizable. Animacións suaves, múltiples opcións estéticas e integración profunda de funcións baseadas en intelixencia artificial.
Ferramentas como resumos automáticos, organización intelixente de contidos ou edición de fotos con IA están presentes. Non todas resultan imprescindibles, pero o conxunto amosa madurez.

Non é unha capa con identidade radicalmente diferenciada, xa que comparte base con outras marcas do grupo BBK, pero funciona moi ben e transmite sensación de sistema estable.
Batería
Aquí non hai debate. Os 7.000 mAh marcan diferenza real. En uso normal é fácil chegar a día e medio, e mesmo dous días con moderación. En xornadas intensas, segue ofrecendo marxe suficiente para rematar o día con tranquilidade. É unha das mellores autonomías do mercado actual na gama alta.
A carga rápida de 120 W permite completar a batería en arredor de 40 minutos, unha cifra excelente tendo en conta a capacidade. Tamén admite carga sen fíos de 50 W. Poderíamos dicir que todo isto se traduce en liberdade. Que iso, na práctica, pesa máis que moitos detalles técnicos.
Conclusións
O realme GT 8 Pro é ambicioso. Quere competir cos mellores en potencia, pantalla e autonomía, e en boa medida conségueo. Ten unha batería espectacular, unha pantalla sobresaínte e un rendemento que impresiona.
Non é un móbil para quen busque simplemente a mellor relación calidade-prezo. É un móbil para quen queira algo distinto, con personalidade e cunha autonomía que marca distancias. E o seu prezo, vai na liña, custando actualmente arredor de 950 €.
Realme demostra que xa xoga na liga grande. Agora só lle falta afinar algúns detalles para deixar de ser alternativa e converterse en referencia absoluta.
Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.
