Rede Aberta impulsará un novo corredor dixital atlántico con apoio europeo

Galiza volve situarse no mapa das grandes infraestruturas estratéxicas europeas. A operadora de fibra neutra Rede Aberta foi adxudicataria dun novo proxecto cofinanciado polo programa CEF Digital, unha das principais ferramentas da Comisión Europea para reforzar a conectividade dixital no conxunto da Unión.

O proxecto, chamado “North-West Atlantic Iberian Ring – Atlantic Arc”, supón un paso decisivo para analizar e deseñar unha nova rede troncal terrestre de alta capacidade ao longo do eixo atlántico europeo, un corredor estratéxico que, a día de hoxe, aínda presenta importantes carencias estruturais.

Un corredor atlántico que precisa músculo dixital

O chamado corredor atlántico conecta algúns dos principais nodos portuarios, industriais e loxísticos da fachada occidental da Península Ibérica e do suroeste francés. Porén, mentres outras rexións europeas contan con redes terrestres de alta capacidade plenamente consolidadas, o eixo atlántico carece aínda dunha infraestrutura troncal robusta que garanta redundancia, resiliencia e altas prestacións.

A iniciativa permitirá preparar o estudo dunha nova rede de case 2.000 quilómetros que conectará cidades como Sines, Lisboa e Porto en Portugal; Vigo e A Coruña en Galiza; Xixón (Asturias) Santander (Cantabria), Bilbao (Euskadi); e Baiona e Burdeos en Francia. Ademais, analizaranse posibles extensións cara a zonas rurais co obxectivo de avanzar cara a unha conectividade máis inclusiva.

Non se trata só de tender fibra: trátase de deseñar unha arquitectura de interconexión transfronteiriza que mellore a capacidade, reduza a latencia e incremente a seguridade das comunicacións nun contexto onde os datos son xa infraestrutura crítica.

Europa mira ao Atlántico

O programa CEF Digital forma parte da estratexia da Unión Europea para fortalecer as infraestruturas dixitais consideradas esenciais, do mesmo xeito que se fixo historicamente coas redes de transporte ou enerxía. Nun escenario marcado pola crecente demanda de tráfico de datos, a expansión do cloud, a intelixencia artificial e os servizos críticos dixitais, contar con corredores resilientes é unha cuestión de competitividade e soberanía tecnolóxica.

Este proxecto permitirá analizar novas rutas que reforcen a interconexión entre Portugal, o Estado e Francia, aliñándose cos obxectivos europeos en materia de cohesión territorial e transformación dixital. A fachada atlántica, tradicionalmente periférica nos grandes mapas de infraestrutura continental, podería gañar así un novo protagonismo.

Sobre o autor

Reply