Durante anos, quen usamos Gmail na nosa vida diaria, tivemos que convivir cun límite bastante ríxido: 25 MB por anexo. Se o ficheiro pesaba máis, tocaba recorrer automaticamente a unha ligazón de Google Drive. Agora, por fin, Google decide mover ficha, malia que a mellora non será para a maioría das persoas usuarias.
Desde este mes de febreiro as contas empresariais están vendo ampliado o tamaño máximo dos ficheiros que poden enviar e recibir por correo electrónico. Un pequeno gran cambio para quen traballa con documentos pesados, pero que deixa intactas as limitacións das contas persoais.
Adeus (parcial) ao teito dos 25 MB
O límite de 25 MB levaba anos sendo unha das normas non escritas de internet. Enviar un vídeo en alta calidade, un proxecto de deseño ou un PDF con moitas imaxes era practicamente imposible sen pasar por un servizo na nube.
Gmail facilitaba o proceso integrando Drive de maneira automática, pero non deixaba de ser un paso intermedio: o ficheiro non viaxaba realmente como anexo, senón como ligazón. Para moitos fluxos de traballo, especialmente en contornas corporativas, isto podía resultar incómodo.
Agora, Google eleva ese límite a 50 MB para o envío de anexos, pero só nas contas Enterprise Plus de Google Workspace. E tamén amplía o tamaño máximo de recepción ata os 70 MB. É dicir, estas contas poderán recibir ficheiros máis grandes do que poden enviar.
Se utilizamos Gmail cunha conta gratuíta ou mesmo con algunhas das modalidades de Workspace estándar, nada cambia. O límite segue nos 25 MB para enviar e 50 MB para recibir.
É certo que hoxe temos múltiples alternativas para compartir ficheiros, como o almacenamento na nube ou servizos como WeTransfer ou SwissTransfer, pero o correo electrónico segue sendo o método máis universal, compatible e inmediato.
Precisamente por iso chama a atención que esta actualización non sexa máis ampla. En pleno 2026, 25 MB poden quedarse curtos para moitos usos cotiáns, mesmo pensando en compartir dúas imaxes en alta calidade.
