O Mobile World Congress 2026 abre hoxe as súas portas, pero Honor adiantouse un día á apertura oficial para tratar de deixar claro que a súa ambición vai moito máis alá de lanzar novos móbiles. A marca chinesa aproveitou o escenario de Barcelona para reforzar a súa visión de Augmented Human Intelligence (AHI) e acelerar o seu ALPHA PLAN, unha folla de ruta estruturada arredor de tres piares: Alpha Phone, Alpha Store e Alpha Lab.
O obxectivo é evidente: integrar intelixencia artificial centrada nas persoas, combinando hardware, software e incluso robótica baixo unha mesma estratexia. E para iso presentou desde un concepto rompedor como Robot Phone até un novo encartábel flagship, ademais de tablet, portátil e o seu primeiro robot humanoide.
Robot Phone: cando o smartphone cobra vida
A proposta máis futurista foi o chamado Robot Phone, unha nova “especie” de smartphone que aposta pola chamada IA encarnada. Non se trata só de mellorar asistentes ou cámaras, senón de integrar movemento físico real dentro do propio dispositivo.
Robot Phone incorpora un sistema gimbal 4DoF ultracompacto con estabilización de tres eixes e un micromotor propio desenvolvido por HONOR. Isto permítelle mover a cámara con precisión robótica, seguir á usuaria en tempo real e axustar o encadre automaticamente. A idea é romper coa visión estática do móbil tradicional.

Entre as súas funcións destacan o seguimento intelixente de obxectos mediante IA, o modo Super Steady Video para escenas de acción e o sistema AI SpinShot, capaz de realizar rotacións automáticas de 90° e 180° para transicións máis cinematográficas. Todo apoiado nun sensor principal de 200 MP.
Pero vai máis alá da gravación. O dispositivo pode “asentir” ou “negar” coa súa cámara, reaccionar con xestos e incluso “bailar” ao ritmo da música, cuestións que, máis aló da anécdota, non sabemos se terán moito sentido máis aló. Iso sí, nas vídeochamadas pode seguir ás usuarias sen intervención manual. Segundo a marca, é unha demostración clara do camiño que HONOR quere explorar: dispositivos con percepción espacial, movemento e interacción máis humana.
HONOR Magic V6: o encartábel que apunta á referencia
Se Robot Phone representa o futuro experimental, o HONOR Magic V6 simboliza o presente máis ambicioso da marca. Este novo encartábel aposta por un perfil ultrafino de 8,75 mm pechado, resistencia IP68 e IP69 e unha arquitectura de bisagra reforzada para garantir durabilidade a longo prazo.
O elemento máis destacado é a súa batería de silicio-carbono de quinta xeración, desenvolvida en colaboración con ATL. Consegue integrar 6.660 mAh nun formato encartábel extremadamente delgado, cun contido de silicio do 25%. HONOR tamén mostrou a súa futura Silicon-carbon Blade Battery, que acada o 32% de silicio e máis de 900 Wh/L, abrindo a porta aos 7.000 mAh nos plegables.

En pantalla, o Magic V6 monta dous paneis LTPO 2.0: 6,52 polgadas no exterior e 7,95 polgadas no interior, ambos con refresco adaptativo de 1 a 120 Hz e picos de brillo de ata 6.000 e 5.000 nits en HDR. A profundidade do pregue redúcese un 44% respecto á xeración anterior, cun vidro flexible ultrafino e certificación SGS Minimized Crease.
Ademais, convértese no primeiro encartábel impulsado polo Snapdragon 8 Elite Gen 5, acompañado dun sistema avanzado de refrixeración por cámara de vapor. A produtividade con IA e as funcións multidispositivo, incluída a integración co ecosistema de Apple, completan unha proposta claramente premium.
Estará dispoñible no Estado español durante o segundo semestre do ano, con máis detalles de prezos por confirmar.
MagicPad 4 e MagicBook Pro 14: a IA máis alá do móbil
HONOR tamén ampliou o seu ecosistema con dous novos dispositivos. A HONOR MagicPad 4 aposta por un corpo ultrafino de 4,8 mm, pantalla OLED 3K de 12,3 polgadas con 165 Hz e procesador Snapdragon 8 Gen 5. Incorpora ferramentas de multitarefa potenciadas por IA e compatibilidade multiplataforma, incluído o ecosistema Apple. Chega ao mercado desde 699 euros.

Pola súa banda, o HONOR MagicBook Pro 14 integra procesadores Intel Core Ultra Series 3, pantalla OLED de 14,6 polgadas con alta precisión de cor e unha autonomía destacada. O foco está na produtividade sostida, creación de contido e portabilidade, mantendo integración co resto do ecosistema HONOR.

Un robot humanoide e unha aposta pola IA física
A sorpresa final foi a presentación do primeiro robot humanoide de HONOR. A compañía sinalou tres escenarios prioritarios: asistencia en compras, inspeccións laborais e outros usos prácticos. A clave, segundo a marca, está en aproveitar o coñecemento acumulado sobre as usuarias a través dos seus smartphones para ofrecer asistencia personalizada desde o primeiro momento.
Este movemento confirma que HONOR quere xogar nun terreo híbrido entre tecnoloxía de consumo e robótica, integrando a súa experiencia en dispositivos móbiles cunha nova xeración de máquinas intelixentes.
Un MWC para redefinir o posicionamento de HONOR
Con Robot Phone, o robot humanoide, o Magic V6 e o novo ecosistema de tablet e portátil, HONOR demostrou no MWC 2026 que a súa estratexia non se limita a competir en especificacións. A marca aposta por integrar IA no plano físico e dixital, creando dispositivos que non só procesen información, senón que interactúen co entorno.
Se esta visión se consolida, HONOR podería pasar de ser unha marca centrada en smartphones a converterse nun actor relevante na evolución da intelixencia artificial aplicada ao hardware. Barcelona foi só o punto de partida.
