Barcelona volveu converterse esta semana no epicentro da innovación móbil coa celebración da vixésima edición do Mobile World Congress, moi centrada nas posibilidades que ofrece a intelixencia artificial, que centra practicamente as propostas de todos os grandes fabricantes.
MediaTek non é a excepción. Un dos meirandes fabricantes de procesadores chegou a cita catalá cunha mensaxe clara: a intelixencia artificial xa non é só unha función máis, senón o eixo que conecta dispositivos, redes e centros de datos. Baixo o lema “AI For Life: From Edge to Cloud”, a compañía está a amosar unha visión integral que vai desde o procesamento no propio dispositivo ata a infraestrutura cloud de nova xeración.
6G e a integración real da IA na rede
Un dos grandes focos da presenza de MediaTek no MWC foi o avance cara ao 6G. A compañía reivindica un papel protagonista no desenvolvemento dos estándares desta futura xeración móbil e presentou a que cualifica como a primeira interoperabilidade de radio 6G do mundo. O obxectivo é permitir un equilibrio máis flexible entre rendemento, latencia e eficiencia enerxética, algo esencial para soportar servizos baseados en IA xerativa e sistemas baseados en axentes intelixentes.
MediaTek tamén debuxou o concepto dunha “nube de dispositivos persoais”, onde distintos axentes de IA colaboran entre si a través de redes Wi-Fi ou 6G nun entorno seguro e continuo. A idea é que o smartphone, os dispositivos domésticos e outros equipos compartan capacidades de computación no edge sen fricción.
Entre as innovacións técnicas destaca a diversidade de transmisión de enlace ascendente acelerada por IA para 6G, capaz de aprender e adaptarse dinámicamente ás condicións da rede, mellorando de maneira notable o rendemento fronte aos sistemas tradicionais baseados en regras fixas. Ademais, a compañía puxo o foco en como o 6G poderá impulsar a robótica de próxima xeración grazas á computación no edge baixo demanda.
O primeiro CPE 5G-Advanced con Wi-Fi 8
No ámbito da conectividade fixa sen fíos, MediaTek presentou o que define como o primeiro dispositivo CPE 5G-Advanced do mundo con Wi-Fi 8. Está impulsado polos chipsets MediaTek T930 e a serie Filogic 8000, integrando o módem 3GPP Release 18 e melloras significativas en eficiencia espectral e rendemento de subida grazas a novas configuracións de antenas MIMO.
Un dos elementos máis rechamantes é o motor de rede MediaTek AI, que combina L4S baseado en estándares cun sistema QoS impulsado por intelixencia artificial. Segundo a compañía, esta integración permite reducir drasticamente a latencia, tanto en aplicacións compatibles como en servizos tradicionais, sen necesidade de modificar o núcleo da rede nin os sistemas backend.
Salto cualitativo na conectividade automotriz
A automoción é outro dos piares da estratexia de MediaTek. No MWC 2026 a compañía amosa a que cualifica como a primeira videochamada 5G NR NTN do mundo en contorno automotriz, abrindo a porta a comunicacións vía satélite de alta velocidade máis alá da cobertura terrestre convencional.
Xunto a isto, presentou un novo chipset de telemática compatible cos estándares 5G-Advanced Release 17 e 18, con IA integrada a nivel de módem para optimizar estabilidade e rendemento. No interior do vehículo, a nova plataforma Dimensity Auto, fabricada en proceso de 3 nanómetros, aposta por CPUs baseadas en arquitectura Arm v9.2, capacidades gráficas avanzadas con ray tracing e unha NPU preparada para asistentes de voz con IA xerativa mantendo a privacidade dos datos.
IA no edge: smartphones e novas experiencias
Como un dos principais provedores mundiais de SoCs para smartphones, MediaTek puxo o foco na súa plataforma Dimensity 9500, deseñada para ofrecer experiencias avanzadas de IA no propio dispositivo. A integración dunha NPU potente permite procesamento local máis rápido, privado e seguro, reducindo a dependencia da nube.
A compañía tamén está a exhibir lentes de IA que colaboran co smartphone en tempo real, impulsadas polo Dimensity 9500 e polo modelo multimodal Omni. Texto, imaxe, voz e vídeo combínanse nunha experiencia fluída que busca levar a interacción intelixente máis alá da pantalla tradicional.
