No Mobile World Congress puidemos ter unha primeira toma de contacto co Galaxy Z TriFold, o móbil máis ambicioso que presentou ata o momento Samsung no terreo dos dispositivos encartábeis. A idea é tan sinxela como impactante: levar no peto un teléfono que, ao despregarse por completo, convértese nunha tablet de 10 polgadas.
Pecha coma un smartphone tradicional cunha pantalla exterior de 6,5 polgadas en formato alongado, manexable e recoñecible. Mais ao abrilo, o dispositivo revela a súa verdadeira natureza: tres paneis unidos por dous pregues que permiten acadar unha superficie interior de 10 polgadas. Non hai posicións intermedias reais; ou funciona como móbil convencional ou como tablet completa. Esa decisión marca boa parte da experiencia.
Un formato que impresiona e impón respecto
A primeira sensación ao collelo é que estamos ante un produto máis maduro do que podería parecer nunha categoría tan recente. A construción transmite solidez, as bisagras ofrecen resistencia controlada e o mecanismo está claramente guiado. De feito, se se intenta pechar de maneira incorrecta, o sistema responde cun aviso e vibración para evitar erros. É unha forma intelixente de protexer un dispositivo complexo.

Iso si, pechado non é precisamente lixeiro nin discreto. Cos seus 309 gramos e, sobre todo, cos seus case 13 milímetros de grosor, faise notar no peto e na man. Aberto, pola contra, o peso repártese mellor e a percepción cambia: sorprende que unha pantalla de 10 polgadas poida resultar relativamente cómoda de soster.

A experiencia en grande formato
O panel interior Dynamic AMOLED 2X ofrece resolución de 2160 x 1584 píxeles e taxa de refresco adaptativa de 120 Hz. En interiores, a calidade visual é excelente: cores intensas, boa definición e fluidez constante. O brillo máximo da pantalla interna é inferior ao da exterior, polo que queda por ver como se comporta a plena luz do día, algo que non puidemos comprobar no recinto feiral.
Onde realmente comeza a xustificar a súa proposta é na multitarefa. Hai espazo real para varias aplicacións abertas ao tempo sen sensación de saturación. Ademais, permite executar Samsung DeX directamente na súa propia pantalla, reforzando o enfoque produtivo sen necesidade de monitor externo.
Os límites dun concepto extremo
Non todo é espectacularidade. Ao despregalo, os dous pregues están presentes. Non resultan excesivamente intrusivos no uso cotián, pero seguen aí e fanse visibles segundo o ángulo e a incidencia da luz. É o prezo que, polo momento, implica apostar por este tipo de tecnoloxía.

Tamén xorden dúbidas no uso en mobilidade. Despregar completamente o dispositivo mentres camiñas, por exemplo para consultar un mapa, require máis atención e espazo ca nun Fold tradicional. Non é un defecto en si mesmo, pero condiciona os escenarios nos que realmente apetece utilizalo aberto.
Potencia e ambición sen concesións
A nivel técnico, o TriFold aposta polo Snapdragon 8 Elite for Galaxy, acompañado de 16 GB de memoria RAM e opcións de ata 1 TB de almacenamento. Non puidemos facer unha proba de rendemento no tempo que tivemos, pero seguindo a estela de modelos de semellante gama da marca podemos esperar un bo rendemento mesmo alternando tarefas esixentes. A batería, de 5.600 mAh repartida en tres celas, apunta a unha autonomía acorde co tamaño do dispositivo, aínda que habería que comprobalo nunha análise máis profunda.

No apartado fotográfico integra unha cámara principal de 200 MP, un ultra grande angular de 12 MP e un teleobxectivo de 10 MP con zoom óptico 3x, ademais de cámaras frontais tanto na pantalla exterior como na interior.
Para quen é este dispositivo
A pregunta que nos facemos é a evidente quen precisa este dispositivo? Desde logo non nos parece o modelo máis axeitado para quen busca lixeireza ou uso rápido cunha soa man no día a día. Pola contra, encaixa mellor en perfís que priorizan produtividade, consumo multimedia en pantalla grande ou unha mobilidade máis pausada.
O Galaxy Z TriFold tamén funciona como declaración de intencións. De momento, o lanzamento está limitado a Corea do Sur e a unha selección de mercados asiáticos e Estados Unidos. Europa non figura na folla de ruta oficial, polo menos por agora. O prezo no mercado coreano parte de máis de 2000 euros ao cambio, unha cifra que o sitúa claramente nun segmento ultra premium.
