Levamos mese falando de que a cobertura móbil está a piques de vivir unha pequena revolución. Durante anos, as operadoras centraron os seus esforzos en expandir as redes de fibra e 4G ou 5G para chegar ao maior número posible de persoas. Pero hai un límite evidente: zonas onde instalar antenas ou despregar fibra é financeiramente imposible.
Por iso toca mirar ao ceo, e as grandes operadoras xa están a explorar a tecnoloxía que permite conectar directamente os nosos móbiles cos satélites. No contexto do Mobile World Congress, Telefónica, MasOrange e Vodafone España confirmaron alianzas con diferentes operadores espaciais para levar a cobertura móbil máis alá das antenas terrestres.
Cobertura móbil en calquera lugar
A idea detrás desta nova xeración de redes é permitir que un smartphone convencional poida conectarse directamente a satélites, sen necesidade de antenas especiais nin de accesorios adicionais. De consolidarse esta tecnoloxía, poderanse facer chamadas, enviar mensaxes ou acceder a internet desde zonas rurais illadas, áreas de montaña ou mesmo lugares onde unha catástrofe natural deixou sen servizo as redes tradicionais.
Esta conectividade directa entre móbiles e satélites, coñecida como “direct-to-cell” podería converterse nun complemento clave para as redes terrestres de 4G e 5G, garantindo cobertura naqueles escenarios onde a infraestrutura tradicional non chega.
Telefónica busca equilibrio entre Musk e Europa
No caso de Telefónica, a estratexia pasa por combinar diferentes socios tecnolóxicos. Por unha banda, a compañía está a explorar unha colaboración con Satellite Connect Europe, unha empresa creada a partir da cooperación entre Vodafone Group e AST SpaceMobile. O obxectivo é integrar esta conectividade espacial coas redes 4G e 5G da operadora en España e Alemaña, mellorando a cobertura en zonas remotas e aumentando a resiliencia da rede en situacións excepcionais.

Ao mesmo tempo, a filial británica da compañía, Virgin Media O2, xa chegou a un acordo con Starlink para ofrecer conectividade móbil vía satélite en áreas rurais do Reino Unido.
Este movemento revela algo interesante: mesmo as grandes operadoras están apostando por un modelo híbrido, colaborando tanto con proxectos europeos como co ecosistema espacial impulsado por Elon Musk.
Vodafone xa ofrece cobertura desde o espazo
Entre as operadoras presentes no Estado, Vodafone é unha das que máis avanzou nesta dirección. A compañía xa está a utilizar a tecnoloxía desenvolvida por Satellite Connect Europe para ofrecer servizos de voz e datos a través de satélites. A gran vantaxe deste sistema é que funciona con smartphones estándar de última xeración, sen que as usuarias que instalar antenas nin outros dispositivos adicionais.
Isto abre a porta a levar banda larga móbil a zonas rurais, áreas con pouca densidade de poboación ou lugares onde o despregamento de infraestrutura terrestre sería demasiado caro.
MasOrange aposta por Starlink
Mentres tanto, MasOrange decidiu explorar o camiño marcado por Starlink. A operadora anunciou xa hai un mes un proxecto piloto no Estado para probar a tecnoloxía Direct-to-Cell na provincia de Valladolid.
Este sistema utiliza enlaces láser entre os satélites da constelación de Starlink para transmitir datos e complementar a cobertura da rede terrestre da compañía.

A próxima gran revolución das telecomunicacións
Durante décadas, a cobertura móbil dependeu case exclusivamente de torres e antenas repartidas polo territorio. Agora, esa infraestrutura podería ampliarse cunha nova capa situada a centos de quilómetros sobre a Terra.
Máis aló do aspecto tecnolóxico, haberá que ver tamén como se concreta como proposta comercial, xa que ofrecer este servizo vai ser un plus de conectividade premium que quizais non sexa apto para todos os petos.
