O Mobile World Congress sempre deixa algunha desas ideas que parecen sacadas do futuro, e este ano unha das máis curiosas chegou da man de HONOR. No seu evento en Barcelona a marca mostrou o chamado Robot Phone, un smartphone que introduce un pequeno sistema robótico no propio dispositivo para cambiar a forma na que usamos a cámara e interactuamos co móbil.
Aproveitando o noso paso pola feira, puidemos ter unha primeira aproximación ao dispositivo na zona de demostración. Non se trata dun smartphone convencional, senón un experimento bastante ambicioso sobre cara onde podería (ou non) evolucionar a fotografía móbil e a intelixencia artificial nos próximos anos.
Un móbil cun pequeno “robot” integrado
O elemento que define o Robot Phone é un brazo articulado situado na parte superior do terminal, que se desprega automaticamente cando se utiliza a cámara. A idea pode soar un pouco extravagante sobre o papel, pero ao velo en funcionamento resulta bastante máis natural do que podería parecer.
Este pequeno sistema permite que a cámara se mova de forma autónoma, seguindo á usuaria ou adaptándose ao encadre. Durante a demostración puidemos ver como o móbil era capaz de seguir movementos, manter o rostro enfocado nunha videochamada ou mesmo realizar pequenos xestos, como inclinarse ou “bailar” ao ritmo da música.
Todo isto é posible grazas á combinación de intelixencia artificial multimodal e hardware específico, que permite ao teléfono interpretar o que ocorre ao seu arredor. O dispositivo pode identificar sons, seguir movementos ou manter conciencia visual do entorno, algo parecido ao que xa fan os chatbots modernos cando analizan imaxes ou vídeo en tempo real.
IA, estabilización avanzada e unha cámara de 200 MP
No interior deste Robot Phone hai tamén bastante tecnoloxía interesante. O sistema robótico baséase nun micromotor extremadamente compacto, acompañado dun sistema de estabilización tipo gimbal de catro eixes (4DoF). A idea é que a cámara poida moverse mentres grava ou fai fotos mantendo a estabilidade da imaxe.
A nivel fotográfico, HONOR fala dunha cámara principal de 200 megapíxeles, combinada con funcións de software como seguimento automático de obxectos ou modos avanzados de estabilización. En teoría, isto permitiría gravar vídeos ou facer planos complexos sen necesidade de accesorios externos.
A proposta está claramente orientada a creadores de contido, xa que o teléfono pode facer de cámara “intelixente” capaz de seguir á usuaria mentres grava, algo que ofrecen cámaras como as habituais DJI.
Un concepto que busca sorprender
Despois desta primeira toma de contacto no MWC, o Robot Phone deixa unha impresión curiosa. Non é, desde logo, un produto pensado para todo o mundo, pero si unha mostra clara de que a industria móbil segue explorando novas ideas máis alá das clásicas melloras de cámara, batería ou procesador.

Queda por ver como se materializa cando chegue ao mercado, pero a proposta de HONOR ten algo que non sempre se ve nos smartphones actuais: un punto de risco e experimentación. E iso, nun sector que ás veces parece demasiado previsible, sempre se agradece.
